A terceira edición dos Premios INNOVA-G, convocados pola asociación AGESTIC e cuxa entrega está prevista este venres ás 12.30 horas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago), vai recoñecer o traballo despregado pola CRTVG en materia de difusión das novas tecnoloxías, máis en detalle o labor de Xosé María Fernández Pazos, director do programa Banda Ancha, espazo sobre novas ferramentas dixitais que se emite tódolos sábados ás 15.00 horas dende a canle autonómica. Fernández Pazos, que tamén dirixe as rendas do Grupo Código Cero (incluíndo esta web e a revista mensual, en papel, do mesmo nome), presenta Banda Ancha dende hai arredor de catro anos, sendo o seu principal obxectivo amosar de primeira man, con entrevistas cos principais axentes do sector TIC, a realidade da nosa innovación. En virtude deste labor, o xurado dos ditos premios concédenlle á CRTVG a mención de honra por ser o Mellor medio de comunicación en difusión das TIC.

O xurado dos galardóns cualificou a revisión de todas estas propostas como “especialmente complexa”, tanto pola cantidade das mesmas como pola súa gran calidade e capacidade innovadora. As propostas recibidas repártense nas seguintes categorías: Mellor start-up galega, Mellor emprendedor/a galego/a TIC, Mellor desenvolvemento 2.0, Mellor aplicación para dispositivos móbiles e Mellor deseño web.

Os galardóns, que non teñen dotación económica e que son outorgados polas entidades promotoras, queren converterse nun pulo para aos seus participantes, “tal e como se vén confirmando nas edicións anteriores, con proxectos e aplicacións xa coñecidas por todas e todos, como Menus.es, Pézcalo, Meubook, Toupa.net, Binaurality, Orama ou Webphone”, lembran fontes de AGESTIC.
A CRTVG recoñecida nos Premios INNOVA-G cunha mención honra polo labor de Banda Ancha
Compartir Este Artigo
