O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a empresa Sdweb veñen de unir forzas para responder a unha demanda concreta, crecente, do noso tecido produtivo: a de contar con profesionais especializados no terreo da xestión de contido (CMS) baseada en software libre, sobre todo a través de Drupal. Con este motivo, o colexio organiza un curso específico sobre a implantación dun portal web sobre a versión 7 do dito sistema de xestión aberto.
A empresa Sdweb – Solucións Dixitais será a responsable de impartir esta formación así como de explicar casos prácticos de implantación deste CMS en grandes organizacións como a Xunta de Galicia ou a Universidade de Barcelona. Este curso celebrarase en Santiago de Compostela e terá unha duración de 20 horas presenciais distribuídas en catro xornadas. As dúas primeiras serán os días 9 e 10 de novembro e terán a súa continuación o 16 e 17 do mesmo mes.
O número de prazas dispoñibles, informan os responsables da actividade, é de 25 asistentes que poderán inscribirse na web de CPEIG.
O custo do mesmo é de 95 € para membros do Colexio, colexiados e precolexiados, e aqueles “non membros” con compromiso de colexiación ou precolexiación; e de 190 € para os non colexiados.
A formación, informan, está dirixida a profesionais do desenvolvemento web. E engaden, ao fío do obxectivo do curso: “Preténdese que ao termo do mesmo os asistentes adquiran unha boa base en Drupal 7 e o desenvolvemento de portais web, que coñezan a fondo a súa arquitectura, cales son os módulos fundamentais e que sexan quen de controlar os procesos necesarios para adaptarse a novas versións e funcionalidades”.
O curso é sobre todo práctico e durante as sesións presenciais exporanse e realizaranse exercicios de diferente índole.
Lembrar que Drupal é un xestor de contidos web desenvolvido por unha comunidade de software Libre. Está baseado nun sistema de módulos facilmente modificable e adaptable ás necesidades de cada usuario, sexa este unha pequena empresa ou unha grande organización. Malia a súa sinxeleza no manexo, permítenos crear portais web de gran calidade.
Esta acción formativa será impartida por Diego Meixeiro e Martín Rei, membros do departamento de desenvolvemento da firma Sdweb. Os dous atesouran unha longa experiencia neste CMS, sinala a propia empresa, “polo que a formación que se ofrecerá neste curso non só se vai a centrar nos seus módulos e funcionamento senón que tamén nos darán unha visión máis global, na que incluirán aspectos relativos ao funcionamento da Comunidade Drupal”.
O CPEIG e Sdweb organizan un curso sobre o xestor de contido Drupal
Compartir Este Artigo
