
Os ingredientes principais da campaña foron, en palabras da empresa con sede en Ames, Xurimaru, “a imaxe e as ideas propias do candidato, que provocaron toda unha revolución nas redes sociais”. De feito, engaden, “unha das circunstancias que máis dinamizou o período electoral foi a conexión que a marca Beiras tivo coa cidadanía”.
Beiras, que mesmo se prestou a materializarse nas redes co seu alter-ego (ou, mellor dito, alter-lego), o candidato Beiriñas, sinalou que as ferramentas sociais tiveron unha gran importancia na súa campaña, e máis se temos en conta o complexo que resulta para unha coalición electoral de novo cuño chegar ao electorado con tan pouco tempo para facer chegar as súas mensaxes. Para Xurimaru, a cousa está ben clara: “O candidato de AGE, a nivel comunicativo, audiovisual e de redes sociais, foi o máis popular da campaña; en 15 días, e partindo de cero, conseguiu situarse como o primeiro candidato nas redes sociais”. E engaden: “Así, o perfil da rede social Facebook de Xose Manuel Beiras rexistrou axiña os 5.000 seguidores, tope que permite esta rede social neste tipo de biografía, aos que habería que sumar os case 1.800 subscritores”.
Por outra banda, informan, a páxina da mesma rede social de Anova acadou un alcance de 143.000 perfís de Facebook directos e case 300.000 indirectos na última semana de campaña. O Twitter de Xose Manuel Beiras, a maiores, “rachaba coas estatísticas e situábase en 10.000 seareiros na noite electoral, 2.000 deles acadados durante o propio 21 de outubro”.
Xosé Manuel Beiras ten a día hoxe 11.000 seareiros, “moitos máis que os 4.250 seguidores do recentemente escollido presidente da Xunta”, explican fontes da empresa de Ames. “Un exemplo desta incidencia é que un dos tuits de Beiras (@xmBEIRAS: O PP ten a maioría absoluta co 45,60% dos votos e 100.000 votos menos que 2009. QUE NON NOS ENGANE A LEI D´HONT!!!!) logrou case 800 retuits nunha rede onde as personaxes máis mediáticas a nivel do Estado en eidos como a música, por exemplo, dificilmente chegan a 200”, conclúen.
Xurimaru cualifica de éxito a campaña de Xosé Manuel Beiras nas redes sociais
Compartir Este Artigo
