A firma galega Edisa, con sedes en Ourense (centro de I+D) en Vigo está a presentar estes días importantes novidades na súa ferramenta de xestión Libra, novidades que consisten basicamente nunha ampliación das funcionalidades a través do desenvolvemento dun conector que permite a integración, de xeito automático, de Libra e a rede social Twitter. Grazas a esta posibilidade, din fontes de Edisa, “ábrense amplas posibilidades tanto para divulgar información a través desta rede social a clientes, provedores ou, tamén, á sociedade en xeral”. Dito doutro xeito: as empresas e as entidades que empreguen Libra, poderán incrementar a súa presenza nas redes sociais, cousa moi a ter en conta se lembramos que un dos motivos polos que medra hoxe en día o comercio electrónico, malia o contexto de crise, é polo meirande uso das comunidades 2.0.
Con esta nova funcionalidade, engade Edisa máis en detalle, a alta dun novo artigo por parte dun cliente pode xerar unha mensaxe corta dirixida á dirección da empresa en Twitter, o que permitirá que tódolos seareiros dunha empresa coñezan a dispoñibilidade do novo produto en tempo real, sen necesidade de conectárense á web corporativa, o que axudará a mellorar o intercambio de datos da empresa coa súa contorna, tirando proveito do potencial que achegan as redes sociais. A maiores, ábrese un novo eido de actividade par poder recoller información da comunidade 2.0 a través do sistema CRM da empresa, “o que axuda a que esta poida escoitar en todo intre o que opina o seu contorno e integrar esta información no seo do sistema de xestión”.
Segundo nos explica Carlos Suárez, director xerente de Edisa, “con esta novidade apostamos de cheo polas redes sociais, abrindo ás empresas a posibilidade de empregar tanto Twitter como outras redes co fin de mellorar a imaxe da marca e de potenciar a súa presenza no mercado”.
Edisa conecta a súa ferramenta Libra coas redes sociais
Compartir Este Artigo
