Xa sabemos a quen se lle outorga este ano o Premio á Iniciativa Empresarial do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Segundo veñen de resolver os colexiados, o galardón recaerá nesta edición na empresa galega Imatia Innovation, en boa medida debido ao seu importante labor referencial como empresa tecnolóxica líder, a nivel europeo, en innovación. Por certo que o recoñecemento será amosado publicamente e entregado no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o 23 de novembro e organizada polo CPEIG. Este premio súmase aos recentemente resoltos a Luz Castro, ao Proxecto Coruña Smart City, á LaconNetwork e a Víctor Gulías.
Volvendo á distinción a Imatia, dicir que se trata dunha empresa xurdida ao abeiro da Universidade de Vigo, como spin-off especializada no desenvolvemento eficaz de sistemas de información e alta calidade. Este mesmo ano, lembra o CPEIG, a editorial Red Herring incluíu a firma galega dentro da súa listaxe de referencia a nivel mundial de empresas, TOP 100 en Europa. Esta inclusión certifica entre outras cousas o potencial de medre e de desenvolvemento da firma galega.
O CPEIG, recordaremos, fará entrega dos seus premios anuais no transcurso da Noite da Exeñaría en Informática de Galicia, que este ano chega á súa cuarta edición. Será o 23 de novembro, nunha gala que representa un punto de encontro para os colexiados e colexiadas, e que conta coa participación de cargos empresariais do sector TIC e institucionais. Fica pendente de resolver o Premio ao Proxecto Fin de Carreira.
Os enxeñeiros galegos en Informática premian a visión innovadora de Imatia
Compartir Este Artigo
