
En boa medida, o que se busca a través desta investigación é afianzar unha serie de modelos estándar para acadar a meirande comodidade e as mellores condicións de comunicación entre os nosos trebellos e nós os usuarios.
Con este motivo, Coelho puxo en marcha un inventario de voces femininas en dez linguas (portugués europeo e do Brasil, galego, castelán, inglés americano, inglés británico, danés, finés, francés e alemán) “e os resultados amosan que o público inclínase por unha voz que teña unha frecuencia media de 193 Hz e velocidade de 2.8 palabras por segundo”, informa a Universidade de Vigo.
O traballo desenvolvido pode agora ter moitas aplicacións, tanto no científico como no comercial, “axudando a lograr dispositivos con voces que esperten maior simpatía, menos agresivas ou máis fluídas”, explica o investigador. Ao seu xuízo, a análise da simpatía pode ser tamén un recurso de gran potencial para os profesionais da voz “que coas indicacións subministradas poden manipular a súa voz co obxectivo de aumentar a súa simpatía”, sinala.
A investigación iniciouse coa posta en marcha do devandito inventario de voces femininas. Cun mínimo de cinco voces por cada lingua, cada unha delas foi avaliada por un grupo de ouvintes nativos, “en relación a un conxunto de criterios subxectivos, que incluíron cuestións como simpatía, atractivo, emotividade, articulación, velocidade e intelixibilidade”. E engade: “Con esta avaliación foi posible caracterizar subxectivamente, a simpatía da voz e percibir, por unha banda, como esta se relaciona con outros conceptos e, por outro, comprender a importancia que adquire en determinados contextos”.
Despois desta fase avaliáronse as características obxectivas e logo, de xeito conxunto, as obxectivas e as subxectivas, abrindo o camiño para conclusións como as que citamos ao comezo deste artigo. En base ao que está por vir, a finalidade é facer medrar a base de datos de voz, en linguas e máis en tipos de voces, abríndolle o camiño ás voces masculinas.
Unha investigación amosa a frecuencia e a velocidade ideais dunha voz feminina virtual
Compartir Este Artigo
