A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva ata o vindeiro 5 de novembro a exposición multimedia sobre Valentín Paz-Andrade ao Espazo Xoven de Ourense, como parte da itinerancia desta mostra que percorre a vida e obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012.
A próxima parada da mostra, no mes de decembro, será no Museo do Mar de Galicia, onde se completará o seu percorrido por nove centros educativos de toda Galicia, as bibliotecas nodais da Coruña, Santiago de Compostela e Lugo, e a Biblioteca Pública Antonio Odriozola (Pontevedra).
Durante estes días, as persoas que visiten a mostra poderán achegarse á traxectoria vital e profesional de Paz-Andrade a través de cinco paneis. Neles combínanse textos explicativos con audiovisuais nos que diferentes coñecedores da traxectoria do escritor amosan a súa visión sobre Paz-Andrade, entre eles, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o xornalista e escritor Tucho Calvo e o filólogo Gregorio Ferreiro Fente.
Esta exposición multimedia sobre a figura de Paz-Andrade forma parte das iniciativas que a Xunta de Galicia promoveu este ano arredor da celebración do Día das Letras Galegas 2012, a través das Secretarías Xerais de Cultura e Política Lingüística. Ao mesmo tempo, enmárcase nas actuacións promovidas pola Consellería de Cultura e Educación para poñer en valor e difundir entre a cidadanía a obra das escritoras e dos escritores galegos máis senlleiros.
A exposición multimedia sobre Valentín Paz-Andrade chega ao espazo Xoven de Ourense
Compartir Este Artigo
