A carreira dos servizos de correo electrónico ponse máis que interesante. De feito, este martes soubemos que por vez primeira a achega de Google, Gmail, adiantou a Hotmail (de Microsoft) no seu tirapuxa por ver quen acolle máis usuarios e expectación nos medios. A traxectoria de Gmail ata o éxito acadado neste mes de outubro que vimos de deixar atrás foi firme e sen altibaixos: dende que saíu á Rede (hai oito anos) foille comendo terreo ao servizo que ata ese mesmo intre moitos e moitas consideraban intratable, o Hotmail. En cifras, subministradas pola consultora ComScore, o correo de Google (GmailI) tivo ao longo do dito mes 287,9 millóns de visitantes, sendo a cantidade achegada por Hotmail de 286,2 millóns. En terceiro lugar temos a Yahoo!, con 281,7 millóns.
Por países, EEUU constitúe a principal razón de que Yahoo! apareza nese meritorio terceiro posto, xa que se se tivera en conta o seguimento en Europa este servizo estaría a moita distancia dos seus competidores principais. Cousa curiosa, Gmail ten máis seareiros no resto do mundo ca en EEUU. Segundo se conta, as principais razóns desta aposta polo correo de Google, do seu éxito en xeral, están relacionadas coa innovación constante á que se lle somete, a máis recente aplicada ao deseño e ao xeito de responder un correo (podemos redactar unha resposta mentres consultados outros envíos). Tamén cómpre salientar as condicións de almacenamento que achega, que xa superan os 10 Xb.
Gmail supera a Hotmail como o servizo de correo electrónico máis empregado
Compartir Este Artigo
