Xa está ben de falar en termos masculinos cando falamos de novas tecnoloxías e de iniciativas innovadoras e empresariais ligadas a estas tecnoloxías. Non é que as mulleres pidan paso, é que xa estaban aí dende o comezo, e máis que estarán. Sobre todo grazas a iniciativas como a que están a desenvolver o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e a Universidade de Santiago, co fin de fortalecer os recursos (coñecemento, servizos, valores, asesoramento) dos que dispoñen as mozas europeas para estar na primeira liña do sector TIC. Falamos do proxecto ICT-Go-Girls, dirixido a rapazas de Secundaria, liderado polas ditas entidades galegas. Por certo que os días 12 e 13 deste mes desenvólvese en Compostela unha xuntanza para pór en marcha, definitivamente e con tódalas súas consecuencias, esta iniciativa.
O programa inclúe, entre outras moitas cousas, metodoloxías de aprendizaxe e probas para mellorar as habilidades emprendedoras das mozas que estudan Educación Secundaria a través das canles e as ferramentas 2.0.
A aplicación práctica correrá a cargo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Die Berater (Austria), Spoleczna Akademia Nauk (Polonia), Instituto Fraunhoffer IAO-Stuttgart Uni (Alemaña), CVO Antwerpen-Zuid (Bélxica) e Donau-Universitat Krems (Austria).
O primeiro chanzo do proxecto, informa o CESGA, “consiste en analizar outras iniciativas postas en marcha con anterioridade en Europa e fóra e orientar así ICT-Go-Girls! na dirección máis axeitada”. Logo materializarase a metodoloxía a seguir, as ferramentas e recursos para aplicar o proxecto en dous centros educativos en cada país, “facendo uso da experiencia das entidades que impulsan o programa nos eidos tecnolóxico, de negocios e educativo para aplicar finalmente o programa piloto”.
Todo isto collerá forma definitiva coa creación, escolma e aplicación dos contidos educativos e de lecer xerados para facilitar ás mozas o seu achegamento emprendedor ás TIC. “O proxecto”, engade o CESGA, “construirase arredor de recursos e ferramentas de código aberto en acceso libre, como as destinadas á creación de portfolios virtuais, simuladores de xogos, actividades educativas e de lecer virtuais, deseño dixital, creación de redes sociais entre as rapazas participantes, construción de contornos en 3D, escaparates virtuais de compañías, concursos e xogos entre os centros de ensino participantes, entre outros puntos”.
Tamén se facilitará o contacto con mulleres de negocio falando de cadanseu caso de éxito, accións de asesoramento levadas a cabo por mentoras e ata unha comunidade 2.0 para dar cabida ao fluxo e intercambio de experiencias no camiño da innovación feminina. Sinalar que a iniciativa xa ten espazo de seu no Facebook.
A USC e o CESGA lideran unha iniciativa para impulsar o emprendemento xuvenil feminino: ICT-Go-Girls
Compartir Este Artigo
