A empresa galega Construdata21, da que temos falado en Código Cero con motivo dos seus desenvolvementos web en materia de internacionalización para as nosas compañías, vén de facer un interesante reconto da súa actividade TIC dende o ano 2001, en España, Portugal e no resto do mundo. Con feitura de plataforma multilingüe, Construdata21.com céntrase principalmente en achegar información detallada sobre obras en construción públicas e privadas en todo o panorama internacional e en calquera fase de execución. Dende 2001 ten publicado unhas 159.000 obras en España, preto de 12.000 en Portugal dende 2010 e unhas 5.000 nos restantes países onde mantén actividade, dende 2011, ano no que comezou o seu proceso de internacionalización.
Asemade, cada mes engádense 1.200 novas obras da Península e 300 internacionais, ademais de concursos públicos en fase de licitación e adxudicación, tanto de obras e proxectos como tamén de subministros e mantementos.
Tódalas obras atópanse xeolocalizadas na páxina web e inclúen a maiores os datos de contacto precisos para iniciar a venda de produtos ou servizos ás empresas relacionadas cos proxectos en cuestión. Calquera usuario rexistrado pode acceder a elas a través dun buscador avanzado ou ben por correo electrónico. Asemade, é posible dar conta directa do arquivo histórico, pudendo facer consultas que sexan do noso interese relativas a obras publicadas xa antes.
“O interesante da firma viguesa Construdata21”, engaden os impulsores da empresa afondando en aquilo que realmente a distingue, “é que, hoxe por hoxe, é o único portal con información de obras en todo o mundo, e que se está a converter nunha ferramenta fundamental para as empresas construtoras que, a falta de traballo na súa terra,, tentan abrir mercado no estranxeiro”.
Amais do persoal multilingüe que traballa en España, ten correspondentes nunha manchea de países, recollendo coñecemento e datos de valor sobre as obras con potencial de actividade e participación, todo complementado nun bo número de casos con imaxes detalladas do proceso.
A viguesa Construdata21 ten publicadas na Rede unhas 159.000 obras do ámbito español
Compartir Este Artigo
