Por se alguén o descoñecía este mes de novembro é o mes da ciencia e da tecnoloxía en galego e co fin de sumarse á iniciativa e celebrar o binomio ciencia-lingua propia, a Consellería de Cultura organizou o pasado 7 de novembro -xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística- unha conferencia sobre o inventor estradense Ramón Silvestre Verea García, figura homenaxeada este ano no Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, xunto con Leonardo da Vinci. A dita conferencia –Ramón Verea, inventor galego– levouse a cabo no salón de actos do IES Xelmírez I de Santiago de Compostela ante máis de 200 alumnos de 4º da ESO e de 1º de bacharelato, foi impartida polo biógrafo de Ramón Verea, o profesor e escritor Olimpio Arca Caldas, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e polo director do centro, Manuel Portas.
Neste encontro abranguéronse temas como a importancia de facer ciencia en galego e aspectos diversos sobre a vida e obra de Ramón Verea quen, en 1878, nos Estados Unidos, creaba unha máquina de calcular que, á diferenza dos seus precursores (que só se limitaran a sumar e a restar) podía multiplicar e dividir decontado. Como curiosidade engadir que o prototipo deseñado por Ramón Verea atópase exposto na colección de enxeños de cálculo que IBM ten na súa sé de Nova York.
Por último, informar que alén da conferencia sobre Ramón Verea, a Secretaría Xeral de Política Lingüística achega na súa web unha serie de ferramentas educativas para traballar contidos científicos nas aulas
Como por exemplo a sección Outono de ciencia, que recolle propostas de diferentes entidades encamiñadas ao alumnado de secundaria, como as instrucións para construír a ponte desmontable de Leonardo ou o xogo Tecnopoly, un xogo semellante ao Monopoly onde as rúas levan nomes dos inventos máis relevantes da historia da humanidade.
Homenaxe a Ramón Verea no Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego
Compartir Este Artigo
