

Polo que atinxe ao afianzamento da banda larga no rural galego, sinalar que segundo se apunta no estudo de OSIMGA, “o 72,8% das empresas de 10 e máis empregados e o 69,8% das microempresas con conexión a Internet ten contratada unha velocidade superior a 2 Mpbs, sendo significativo o incremento experimentado no treito de velocidade superior a 10 Mbps, que crece máis de 14 puntos no caso das microempresas e máis de 7 no caso das empresas de máis de 10 empregados”, sinalaron os responsables do informe.
No que respecta a equipamentos e a súa presenza, o computador e a telefonía móbil de emprego empresarial son os trebellos TIC máis frecuentes. As aplicacións informáticas para a xestión contable e financeira, xunto coa xestión de clientes e provedores son utilizadas por máis do 90% das empresas de 10 ou máis traballadores e por máis do 44% das microempresas. “En liñas xerais”, explicouse, “as empresas galegas fan uso, en maior medida, das ferramentas informáticas que facilitan a súa xestión interna e o intercambio de datos electrónico con clientes e provedores, co conseguinte aforro de tempo e custes, resultando especialmente significativo o incremento da recepción da factura electrónica que aumenta 7,9 puntos nas empresas de 10 e máis empregados e 5,5 puntos nas microempresas”.
No eido das páxinas web e a súa presenza no tecido produtivo galego con respecto á media estatal, na investigación do observatorio explícase que existe converxencia cos datos españois en dispoñibilidade de sitios en liña propios. Máis polo miúdo, as firmas galegas de 10 e máis traballadores con conexión á Rede, a presenza de web chega ao 70,1%, cun medre do 8,2% en dous anos. Asemade, case o 29% das microempresas galegas que teñen conexión conta arestora con web de seu (estando a taxa estatal no 28,6%).
Amais do devandito, tamén medra o uso das redes sociais con obxectivos de promoción e comunicación. Así, un 19,4% das empresas de 10 e máis traballadores e o 12,9% das microempresas galegas con conexión a Internet teñen presenza activa nas redes sociais, segundo se desprende dos datos de OSIMGA.
Polo que atinxe á Administración Electrónica, dicir que a taxa de empresas de máis de 10 traballadores con conexión á Rede que aposta por esta modalidade de comunicación coas entidades públicas sitúase no 80%, logo dunha suba do 6,2%. En canto ás microempresas, a taxa fica no 43,5%.
No que respecta ao comercio electrónico, sobre todo a venda de bens e servizos en liña, “medra de forma moi significativa desde o ano 2010”, sinala AMTEGA. Máis polo miúdo, o 41,6% das empresas de 10 e máis empregados mercaron xa a través de Internet e un 25% venderon a través da Rede. No caso das microempresas, as porcentaxes de compras e vendas a través de Internet sitúanse no 25,2% e no 11,9%, respectivamente.
Case a totalidade das firmas galegas de 10 ou máis traballadores dispón de conexión á Rede
Compartir Este Artigo
