A consultora Everis, a Universidade da Coruña e o Centro de Investigación das Tecnoloxías da Información (CITIC) asinaron un convenio de colaboración para fomentar e promover o desenvolvemento de proxectos no ámbito de Smart City desde A Coruña. As tres entidades traballarán conxuntamente no desenvolvemento de iniciativas innovadoras para dotar ás cidades de solucións que permitan reactivar a actividade económica, impulsar o talento e o tecido produtivo local e facilitar a aparición de novos modelos de negocio. Esta colaboración permitirá xerar ata 50 postos de traballo nos próximos dous anos.
Grazas a este acordo, as tres entidades afianzan unha relación mediante a que intercambiarán información e coñecemento nos campos da investigación e a tecnoloxía e desenvolverán conxuntamente proxectos tractores co obxectivo de contribuír á mellora económica e social da comunidade autónoma.
Everis está desenvolvendo na actualidade varios proxectos neste ámbito en distintas cidades, a través da súa división Evercities e quere reforzar esta liña de traballo colaborando coa Universidade da Coruña para a incorporación de talento e de innovación tecnolóxica.
A Universidade da Coruña actuará como xeradora de coñecemento, talento e tecnoloxía, ao tempo que potenciará o emprendemento e dinamizará os axentes sociais da cidade.
Pola súa parte, o CITIC, como entidade xeradora de coñecemento e de tecnoloxía innovadora, comprométese a potenciar o avance da excelencia na investigación e o desenvolvemento das TIC.
Everis e a UDC colaborarán no proxecto Smart City
Compartir Este Artigo
