Entre os participantes directos da Conferencia Internacional de Software Libre (Libre Software World Conference) que organizou en Santiago a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) co apoio de ASOLIF, atopábase a Deputación de Pontevedra. A Conferencia, celebrada na Cidade da Cultura de Santiago, propúxose como unha plataforma de demostración e colaboración internacional para o software libre, escenario de traballo no que a Deputación de Pontevedra deu conta do seu traballo en servizos e coñecemento abertos.
Máis polo miúdo, participou na mesa redonda Open Data (xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Fundación OSGeo e a Fundación CTIC), presentando o seu Nodo IDEPo (Infraestrutura de Datos Espaciais da provincia de Pontevedra, ide.depo,es), como fonte de datos abertos ao pór a disposición da cidadanía e empresas a información xeorreferenciada dos datos da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL).
Tralas presentacións, o público participou activamente realizando preguntas aos relatores obténdose así unha xeira de traballo e diálogo “moi didáctico”, segundo informan fontes do órgano provincial galego. Cómpre salientar, engade a institución, o interese que suscitou a transparencia no investimento das administracións públicas en I+D+i e a publicación dos resultados dos diferentes proxectos para promover a accesibilidade aos produtos obtidos.
Por certo que como resultado da posta en común das diferentes iniciativas realizadas en Galicia no eido dos datos abertos publicouse recentemente na web abert@s da Xunta, abertos.xunta.es, ligazóns á información dispoñible no nodo IDEPo da Deputación de Pontevedra, o que permite ampliar a difusión da plataforma.
A Deputación de Pontevedra amosou o seu Nodo IDEPo perante a comunidade internacional de software libre reunida en Santiago
Compartir Este Artigo
