Apostar na Administración Electrónica pola nube aforraría máis de 340 millóns de euros a España. Esta é unha das conclusións ás que chega a empresa TangramBPM nuns recentes estudos sobre casos concretos de implantación desta tecnoloxía en concellos e outras entidades públicas. Para entendérmonos, a computación na nube na eAdministración sería en boa medida unha alternativa á habilitación de Centros de Procesamentos de Datos, CPD, infraestruturas propias das institucións destinadas, entre outras cousas, a dar acubillo a toda a documentación que xeran elas mesmas e os seus departamentos. Pois ben, segundo sinala a dita empresa, a computación na nube (levar os datos á Rede) permitiría importantes aforros fronte ao devandito sistema tradicional (18.000 euros fronte a 60.000, din).
E engaden: “Dentro do marco de austeridade e contención do gasto que caracteriza as contas de calquera Administración ou organismo público para o presente exercicio, a nube convértese na táboa de salvación para aqueles concellos ou universidades que non contan arestora con grandes orzamentos e que, porén, están na obriga de cumprir as esixencias lexislativas, segundo as cales a partir de 2014 obrigarase a que os sistemas da eAdministración atendan normas estritas de interoperabilidade, de seguridade e de conservación dos datos electrónicos”. Segundo sinala a dita empresa, o control de custes faise aínda máis significativo en concellos miúdos, de menos de 20.000 habitantes, e en universidades. Por exemplo, informan, no Concello de Catarroja, en Valencia, onde se acadou un aforro social do 80% en relación cos trámites xestionados de xeito electrónico. Nestas núcleos administrativos de escaso orzamento, faise especialmente importante contar cunha tecnoloxía, a nube, que non implique dispoñer de 40 informáticos que xestionen a unidade de sistemas, porque todo o mantemento está en liña, e é xestionado pola empresa que ofrece o servizo.
Salientan as grandes vantaxes de aforro da computación na nube para as administracións pequenas
Compartir Este Artigo
