As crises de reputación de Telecinco están a tomarse como exemplos de libro de como non actuar, e o feito de que reaccionase ante unha campaña de presión querelándose contra o seu promotor volveuse na súa contra, e ao ver que unha recollida de sinaturas en Change.org organizada polo xornalista Mario Tascón chegou aos 169.335 apoios (de xeito que moitos dos participantes estaban a dirixirse a anunciantes de Telecinco pedíndolles que retirasen a súa publicidade na cadea de Fuencarral, ao que xa accedera Trivago) decidiron retirar a querela presentada.
Pablo Herreros, promotor da campaña inicial que deu pé ao Caso La Noria sumouse a Mediaset España (Telecinco) para publicar un comunicado no que recoñece a liberdade dos anunciantes para xestionar as súas accións de publicidade á vez que a compañía audiovisual retira a querela presentada. Pero Herreros quixo matizar o comunicado dende o seu blog, asegurando que estaba claro que os anunciantes non poden ser responsables dos contidos dos medios porque os anuncios contrátanse con antelación. Tamén asegura que as marcas non deben ser capaces de condicionar a liña editorial dun medio, pero lembra que o que pedía inicialmente era apelar á responsabilidade de xornalistas, televisións e políticos para que non se puidese pagar a criminais (ou aos seus familiares) para falar dos seus delitos nos medios.
Pese a todo, Telecinco continúa sen dicir se vai manter a práctica discutible que provocou todo este rebumbio, aínda que parece que será así de ver que pode chegar a afectar as súas contas de resultados ata o punto de ter que retirar da grella programas que no seu día eran moi rendibles como La Noria.
Telecinco retira a querela contra Pablo Herreros
Compartir Este Artigo
