
A Casa das Máquinas acolleu hoxe a Xornada dos Oficios, o último dos tres eventos da XII edición da Maker Faire Galicia. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, participou na apertura deste encontro, que reuniu a referentes da artesanía contemporánea e responsables de proxectos innovadores vinculados aos oficios, para achegalos fundamentalmente á mocidade. Na cita tamén estiveron o director xeral de Comercio, Gabriel Alén e máis o co-organizador da feira tecnolóxica e argalleira, Marcos Saavedra.
Segundo lembraron, a Xornada dos Oficios da Maker Faire Galicia ten como obxectivo achegar o mundo dos oficios á sociedade, e especialmente á mocidade, desde unha perspectiva innovadora, interactiva e inspiradora.
No encontro, María Rozas puxo en valor que o evento “establece un diálogo moi interesante entre a tradición e a innovación, entre a artesanía e as novas tecnoloxías, e iso abre moitas posibilidades no que ten que ver coa creación de emprego de calidade e cun desenvolvemento económico máis sostible”. Tamén salientou que a Xornada dos Oficios “volve mostrar o talento e o enorme potencial que temos en Galicia en moi diferentes ámbitos”.

Na Xornada dos Oficios da Maker Faire combináronse os relatorios de referentes do sector, un espazo argalleiro con proxectos innovadores que compartiron os seus coñecementos co público asistente e diferentes obradoiros participativos. Desta volta a programación artellouse arredor de tres conceptos fundamentais da filosofía maker: a colaboración, a experimentación e a reinterpretación da tradición.

Na xornada participaron Alberto Lista e Jonatan Sarachaga, gañadores do Premio Artesanía de Galicia 2025 polo seu proxecto Nemein, que combina a cerámica co coiro; Cristina Velasco, de Anaquiños de Papel, que desenvolve traballos para firmas internacionais como Loewe, Cartier ou Inditex; ou Belén Martínez, impulsora de Casa Atlántica, un proxecto creativo nacido en 2014 que explora o diálogo entre artesanía, deseño e experimentación con materiais. Tamén participou Xavier Lozano, músico e multiinstrumentista catalán afincado en Ames, recoñecido internacionalmente pola súa capacidade para converter obxectos cotiáns en instrumentos musicais, entre eles a súa coñecida cadeira-frauta.
Ademais dos relatorios, a Xornada dos Oficios contou cun espazo maker, cunha escolma de 16 proxectos innovadores vinculados a diferentes disciplinas, materiais e procesos de fabricación. Entre outros, participaron Olobotoys, unha colección de art toys de edición limitada que combina técnicas artesanais con procesos de fabricación dixital; El cestín do Furón, que traballa coas técnicas tradicionais da cestería; a ceramista Susana Anta; ou Artesanía Agustín, coñecido polas sorprendentes pezas que crea en madeira.
Estes e outros proxectos compartiron co público os seus procesos de traballo, experiencias e coñecementos.

A programación completouse cunha ampla oferta de obradoiros participativos para diferentes idades, con temáticas que xiraron arredor de tres grandes ámbitos: serigrafía e gravado, encadernación e artesanía dixital.
A Xornada dos Oficios pechou a XII edición da Maker Faire Galicia, que conta co apoio do do Concello de Santiago, a través da Concellaría de Promoción Económica, da Xunta de Galicia, a través de Artesanía de Galicia, e da Deputación da Coruña. O evento organízase e opera de maneira independente baixo licenza de Make Community LLC, mantendo o seu compromiso co fomento da creatividade, a innovación e o talento da comunidade maker.
Pola súa banda, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, animou ás novas xeracións a redescubrir os oficios artesanais para a experimentación, a innovación e a creación contemporánea.
