
Máis polo miúdo, UseFeeling é unha plataforma de comunicación para que os propietarios de locais de lecer promovan as súas ofertas e eventos online, facéndoas chegar ao móbil dos seus clientes. Amais disto, os clientes poderán conectar con amigos da súa mesma cidade e competir entre eles cumprindo diferentes retos que propón a aplicación.
A ferramenta acadou finalmente o importante recoñecemento de ter chegado á final con algunha das iniciativas innovadoras e de emprendemento TIC de meirande proxección futura e internacional. A aplicación UseFeeling foi escolmada, xunto cos restantes finalistas, de entre 200 propostas chegadas dende máis dun cento de universidades de oito países iberoamericanos e que recibiron un total de 23.000 votos dos usuarios da web do concurso.
Lembrar que no certame en cuestión establecéronse dúas categorías: Premio da Idea á Acción e Premio da Universidade á Empresa.
As ideas de negocio gañadoras do Premio da Idea á Acción, foron Biofase, do Tecnolóxico de Monterrey (México), Nanoestructurados Bromelia, do Instituto Politécnico Nacional (México) e Remote Debugging Service, da Universidade do Porto (Portugal). Os tres proxectos recibiron un premio en metálico de 3.000 euros cada un e viaxarán a Estados Unidos para asistir a un curso de formación en Babson College. Ademais, RedEmprendia ofreceralles asesoramento para pór en marcha as súas ideas emprendedoras. Este galardón conta co mecenado da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
No Premio da Universidade á Empresa, destinado a apoiar a tres proxectos empresariais e empresas universitarias de recente creación, repartíronse un total de 50.000 euros en recoñecementos. O primeiro premio, dotado con 25.000 euros e patrocinado por PWC España foi para Xeiba Open Innovation Center, do Tecnolóxico de Monterrey (México). A spin-off da Universitat de Barcelona, Iproteos, S.L. levouse os 15.000 euros do segundo premio patrocinado por NH Hoteis. Finalmente, o terceiro galardón patrocinado pola Fundación Banesto e cunha dotación de 10.000 euros, foi para Terravocado SAS, empresa colombiana incubada no Parque E da Universidade de Antioquia.
A aplicación galega UseFeeling situouse entre os mellores proxectos universitarios no certame internacional RedEmprendia Spin2012
Compartir Este Artigo
