A fundación FECYT vén de lanzar na Rede unha iniciativa para darlles azos ás empresas do eido estatal que queiran dar conta das súas experiencias de creación de todas aquelas cousas que soen caer no caixón da innovación: cousas que xeralmente axudan a marcar diferenzas e, do mesmo xeito, a diferenciar as propias marcas. Falamos da campaña As pequenas están a curralo, unha iniciativa que persegue difundir e promover entre as micropeme do Estado español a importancia da implantación dunha cultura da innovación nos seus negocios.
A proposta apóiase sobre todo en dous medios, radio e Rede, e diríxese a acadar o triplo obxectivo de transmitir optimismo, motivar ao micro empresas cara á innovación e ensinar con exemplos reais que facer cousas diferentes é posible. Achégaselles con este obxecto a posibilidade de relatar cadanseu caso de renovación e de aposta por novos produtos e servizos propios, todo a través dun vídeo, foto ou un texto breve, ao tempo que participan nun concurso por ver quen consegue máis visitantes.
Ademais dos casos reais de micropeme innovadoras a páxina web de FECYT ofrece outras seccións nas que o visitante poderá entender cal é o verdadeiro alcance da palabra innovación e como se vincula á oportunidade de mercado e o incremento de negocio.
Esta campaña enmárcase na iniciativa INNAC: Actitude innovadora, que abrangue tódalas accións de FECYT na área de fomento dunha cultura da innovación. Para FECYT, “unha actitude innovadora comprende o conxunto de valores, hábitos e actitudes que promoven procesos de cambio baseados no coñecemento, cuxo resultado xera valor económico e social”, explican fontes da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía.
FECYT lanza unha web-concurso para que as pequenas empresas falen das súas experiencias de innovación
Compartir Este Artigo
