Altia, firma coruñesa especializada en consultoría informática e servizos tecnolóxico-dixitais, vén de unir forzas co Instituto Tecnolóxico Hoteleiro para dar forma a novos proxectos de innovación para establecementos e cadeas do sector turístico, todo baixo o denominador común das siglas SaaS (Software as a Service) e a computación na nube, dúas fórmulas de traballo que conseguen abaratar custes e rendibilizar o traballo das empresas a través dun proceso de externalización (servidores e equipamentos alleos) que libera aos clientes de áreas especializadas de soporte para o sistema e da da funcionalidade e dispoñibilidade das aplicacións TIC. O resultado é que se mellora a produtividade das empresas nunha chea de casos, e o sector hostaleiro, sinalan Altia e o Instituto Tecnolóxico, non será unha excepción.
A concorrencia da empresa galega nesta alianza TIC materializarase a través da execución de proxectos que melloren a presenza en liña dos hoteis, os seus sistemas de información e os seus procesos de traballo, eidos nos que tanto Altia como o Instituto teñen xa experiencia. Ao fío disto, puxeron en común, xunto coa cadea Artiem Fresh People, unha colaboración que lles permitiu dar forma a eDocAssistant, solución encamiñada a acadar un modelo de hotel sen papeis, optimizando a xestión de procesos. Este recurso estará dispoñible na base de datos, Data Center, de Altia dende xaneiro do ano vindeiro, precisamente en modo SaaS, “e coa vantaxe que supón para as empresas o pago por uso”, sinala a firma galega.
A iniciativa concibida co Instituto Tecnolóxico Hoteleiro supón, para Altia, un paso estratéxico na súa andaina empresarial. Así nolo define Constantino Fernández, conselleiro delegado da firma coruñesa: “Considerando o importante papel que xoga o Instituto dentro do sector, parécenos estratéxico asociarnos e poder contar co seu coñecemento da contorna, para identificar as necesidades existentes e poder achegar a nosa visión e experiencia co fin de ofrecer solucións que subministren valor ás empresas hostaleiras”. Ao seu xuízo, as solucións SaaS e os servizos na nub espertan gran interese no sector turístico, tal e como rubrica Álvaro Carrillo, director xeral do Instituto, que salienta que esta metodoloxías “supoñen reducir o investimento en tecnoloxía sen renunciar ás súas vantaxes, un modelo moi atractivo nun contexto xeral de crise financeira”.
Altia e o ITH unen forzas para materializar tecnoloxías na nube para o sector hostaleiro
Compartir Este Artigo
