Para un bo número de nais e pais, as garderías ás que mandan aos seus cativos, por moi boas que sexan, teñen o problema de estar máis ou menos lonxe de onde eles están. Ou sexa, que serían ideais se os pequerrechos estivesen á súa vista en todo intre mentres eles se dedican ás súas cousas. En boa medida para amañar isto, dende a gardería do polígono industrial da Grela, na Coruña veñen de pór en marcha unha iniciativa para que os pais ter un seguimento dos seus pequenos vía Internet. O servizo, achegado e mantido pola empresa Trastes, inclúe cámaras para ver que acontece, en todo intre, no recinto. O único que teñen que facer os usuarios é achegar o seu código de seguridade e ter acceso ao sistema. Unha vez feito isto, poderán ver o que rexistran as cámaras en tempo real.
Lembrar que a firma Trastes é unha rede de escolas infantís con presenza na Coruña, Oroso, Santiago e Pontevedra, e máis noutras localidades alén da nosa terra. Na súa estratexia recente inclúese o incremento da presenza de garderías en complexos empresariais, actividade que se basea na importante demanda deste tipo de centros nos polígonos industriais, onde o 97% das nais e pais que alí traballan levarían aos seus fillos a un centro educativo o máis próximo posible. A gardería de A Grela, emprazada no número 5 da prolongación da avenida da Sardiñeira, responde a esta liña de traballo. O centro, que foi inaugurado esta semana, incorpora 12 profesionais da educación e dispón de 74 prazas.
A Grela estrea gardería con cámaras en liña para nais e pais
Compartir Este Artigo
