Que facer cando temos entre mans unha obra audiovisual que queiramos protexer botando man dos dereitos de autor e de protección tradicionais? Temos algo na Rede que nos axude? Pois as respostas a estas dúas preguntas, polo menos ata o de agora, non tiñan moito aquel dende o punto de vista de solucionar as nosas dúbidas. Ou sexa, que aínda que pareza mentira, non hai un acubillo específico, público e único, centralizador, no que poder rexistrar películas, curtas, vídeos, libretos ou formatos. Para pórlle remedio a isto, o ano pasado estableceuse un acordo entre a firma tecnolóxico-dixital Safe Creative, EGEDA (Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtos Audiovisuais) e Rexistradores de España. O seu obxectivo era dar forma a un Rexistro Dixital de obras e gravacións que, ademais de ser dixital, fose profesional e tamén xurídico. O caso é que a iniciativa xa está en marcha en safecreative.org.
O rexistro xorde polo tanto coa finalidade de achegar seguridade nas operacións de tipo comercial coas obras que nel se insiran, impedindo que se empreguen con arela de lucro sen a autorización dos seus titulares. Permitiralle ao autor, a través dunha única canle, rexistrar a súa creación en España e en Estados Unidos, xestionar os dereitos ou delegar noutros autorizados, ou mesmo dar vía libre á súa dispoñibilidade en Internet.
En marcha un rexistro dixital de obras audiovisuais para impedir o seu uso non autorizado
Compartir Este Artigo
