TomTom, a marca de navegadores e servizos de localización, está a afondar nunha estratexia específica de solucións para condutores: a estratexia de axudalos onde, malia a gran cantidade de sinalizacións existentes, máis posibilidades terán de perderse e máis precisarán, polo tanto, de guías e consellos. Falamos, en definitiva, das cidades. Máis polo miúdo, das cidades nas que viviremos de agora en adiante: as cidades dixitais e conectadas (smart cities). As solucións de TomTom a este respecto, que se presentan baixo o epígrafe Navegación dinámica con información de tráfico precisa, teñen o denominador común de procurar unha xestión do tráfico urbano máis eficaz e con menores custes. Por exemplo: tirarase o máximo partido da captura de datos procedente dos dispositivos GPS para pór en mans dos xestores das cidades recursos que lles axuden a mellorar a circulación. Asemade, esta información en tempo real posibilitará reducir a sinistralidade, sinala TomTom.
Por outra banda, a información histórica de tráfico que se achega pola vía de TomTom terá utilidade, en palabras do fabricante, “para o control eficiente do tráfico porque posibilita extraer patróns de comportamento que axuden a tomar as decisións máis axeitadas”. Sinalar que dende hai varios anos, o fabricante dedícase a recompilar datos e medicións anónimas procedentes dos usuarios dos seus sistemas de navegación, contándose arestora cunha base de datos de tráfico histórico que pasaría por ser a máis grande do mundo, con máis de 5 billóns de puntos de datos e actualizándose cada día con máis de 6.000 millóns de rexistros novos. Segundo TomTom, a información que se recolle é moi variada e precisa: número de vehículos que pasan por un determinado punto, niveis medios de velocidade, volumes relativos de tráfico e coeficientes de conxestión. “Unindo estes datos ao longo dos anos”, engádese, “obtéñense bases de datos históricas, que permiten tomar decisións moi importantes, sobre a sinalización, sobre a necesidade de facer novas estradas ou mellorar as actuais, e un longo etcétera”.
TomTom quere botar man da súa inxente base de datos sobre tráfico para mellorar a xestión das smart cities
Compartir Este Artigo
