O Goberno central presentou esta semana o seu informe anual sobre o sector das Telecomunicacións e as TIC e o dos Contidos. O estudo, feito polo observatorio ONTSI, amosa como de costume a situación actual dos principais parámetros produtivos do tecido de empresa con sede en España. O informe amosa en xeral claros síntomas de desaceleramento e de caída de porcentaxes nun bo número de parámetros. Con todo, hai marxe para o optimismo, lonxe de calquera consideración política. Por exemplo: malia a diminución no número de empresas TIC acontecida durante 2011, o investimento medrou ao longo do mesmo ano, cunha evolución positiva que acada os 17.877 millóns de euros, un 9% máis que en 2010, lográndose o valor máximo desde 2007. Os maiores investimentos realizáronas as empresas de actividades informáticas e os operadores de telecomunicacións. No que respecta aos demais parámetros, hai cifras negativas nunha boa parte deles.
Así, a cifra total de facturación do sector TIC e o dos contidos situouse en 100.828 millóns de euros en 2011, o que supón un descenso do 2,5% na facturación do sector respecto ao ano anterior. En canto ao número de empresas activas en ámbolos sectores, apréciase un descenso do 1,7%, pasando de 30.497 empresas en 2009 a 29.979 en 2010. Lembrar que as empresas do sector TIC e os contidos supoñen o 2,4% do total das empresas do sector servizos. O sector, por outra banda, empregou a máis de 444.670 persoas, o que constitúe unha caída do 1,6% no número achegado o ano anterior. As empresas do sector TIC son as que maior número de empregados achegan ao total, 355.376, fronte aos 89.304 empregados do sector dos contidos. Doutra banda, o saldo comercial do sector TIC en 2011 foi negativo, situándose en -8.626 millóns de euros (18.534 millóns importacións vs 9.908 millóns exportacións).
Sector das novas tecnoloxías da información
O número de empresas activas no sector do TIC en 2010 era de 20.709, o que supón un descenso do 1,6% no número de empresas activas. O 65% das empresas pertencen ao sector servizos TIC, destacando aquelas relacionadas con actividades informáticas e comercio TIC. Desde 2006 ao 2010, o sector incrementouse en máis de 1.377 empresas, cunha taxa de crecemento medio no devandito período do 1,7%.
En canto á facturación, as empresas do sector TIC xeraron unha cifra de negocio de máis de 84.618 millóns de euros en 2011, experimentando un descenso do 2,2% con respecto ao 2010, ao redor de 4.013 millóns de euros menos.
Do mesmo xeito, o número de empregados do sector TIC tamén caeu, pasando de 360.611 persoas no ano 2010 ao 355.376 en 2011, o que significa un descenso do 1,5%.
“Como aspecto positivo”, sinala o Goberno central, “as empresas do sector TIC investiron máis de 14.327 millóns de euros en 2011, alcanzando o valor máximo de investimento desde 2007”.
O sector dos contidos
A facturación total das empresas do sector dos contidos acadou 16.209 millóns de euros en 2011. A cifra de empresas activas neste sector ascendeu a 9.270 en 2010, un 1,9% menos que en 2009 (9.451 empresas activas). Dentro deste sector, as empresas dedicadas á publicación de libros, xornais e outras actividades de publicación son as que experimentan unha evolución positiva, pasando de 3.819 empresas activas en 2009 a 3.832 en 2010. En canto á cifra de negocio, a facturación total en 2011 foi de 16.209 millóns de euros, o que supón un descenso do 4,2% con respecto ao 2010.
Os informes do ONTSI amosan máis investimento no sector TIC e menos facturación e número de empresas
Compartir Este Artigo
