
Sen ir máis lonxe, o traballo despregado foi dando froitos na Rede antes de chegar á publicación final do dicionario, tal e como tivemos ocasión de comprobar coa ferramenta de consulta CLUVI de inglés-galego. Este recurso de balde ampliou logo o seu corpus no ámbito dixital ata chegar ao dicionario actual que se publica en papel, “un formato”, explican os integrantes do seminario e responsables do proxecto (Xavier Gómez Guinovart , Alberto Álvarez Lugrís e máis Eva Díaz Rodríguez), “que permite dar a coñecer a obra a un público máis amplo”. O dicionario xa está nas librarías dende hai varios meses e del xa se venderon máis de cincocentos exemplares. Con todo, cómpre avisar de que non será a derradeira achega ao respecto. Na presentación quedou claro o desexo dunha segunda parte, unha nova versión galego-inglés, e así o lembraron o responsable da editorial, Antón Lado, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, tamén presente no acto de posta en longo, xunto co reitor (Salustiano Mato) e os integrantes do seminario.
A maiores, desde o Seminario de Lingüística Informática recalcaron que, ademais de querer que o dicionario e o corpus que o alimenta sigan medrando, teñen xa outros dicionarios en diferentes fases de elaboración e que, con maiores ou menores bases de datos, xa se poden consultar dende hai tempo na súa web: francés-galego, español-galego, alemán – galego, inglés-portugués. Iniciativas para as que precisan, ao igual que no caso do dicionario inglés-galego, da axuda e financiamento das institucións, salientou Álvarez Lugrís.
Ve a luz en formato papel o Dicionario Inglés-galego da man do Seminario de Lingüística Informática
Compartir Este Artigo
