O grupo Divulgativa (Universidade de Vigo) e a Fundación Pedro Barrié de la Maza veñen de presentar a nova edición do concurso de relatos Ciencia que Conta, un certame que, como o seu propio nome indica, vai dirixido a recoñecer o labor científico e investigador da nosa mocidade ao mesmo tempo que se distingue a capacidade de amosar con palabras ese preciso labor. Ou sexa, que do que se trata é de premiar a capacidade do alumnado de pórse na pel dun investigador e máis dun escritor sacándolle o mellor partido posible á combinación. O certame, que chega á quinta edición, quere demostrar que ambos eidos son complementarios, e que unidos dan resultados positivos. O concurso premiará nesta ocasión 16 historias que abordan a ciencia desde distintos puntos de vista.
O nome dos gañadores coñecerase este 15 de decembro nunha gala que se celebrará a partir das 16.00 horas na sede que a Fundación ten en Vigo. Nesta edición, informa a Universidade de Vigo, presentáronse 216 relatos nos que os participantes abordaron cuestións como a meteoroloxía, o medio ambiente, a tecnoloxía, a astronomía, as matemáticas ou a ciencia e o coñecemento en xeral. Dentro das catro modalidades dispostas, a que máis participantes congregou foi a de Secundaria, con 114 relatos presentados. Dos restantes, 65 foron elaborados por alumnado de Primaria, 25 por estudantes de Bacharelato e FP e 12 por público xeral. Xunto cun diploma acreditativo, desta volta entregaranse tres premios por categoría: un dispositivo tablet para o primeiro clasificado e un lote de libros, xogos ou material relacionado coa ciencia para o segundo e terceiro. E, ademais dos textos gañadores, o xurado escolleu pola súa valía as obras de outros 38 autores e autoras que tamén pasarán a formar parte da compilación de relatos do libro Ciencia que Conta 2012.
O acto estará dirixido polo locutor da Radio Galega Manuel Vicente, que emitirá dende a sede da Fundación Barrié de Vigo o seu programa Efervesciencia. Durante este tempo recrearanse os relatos gañadores de cada unha das categorías, realizaranse entrevistas aos gañadores e, por último, farase a entrega de premios.
