Cando se presentou oficialmente ante os medios o proxecto Granxa Familiar no verán de 2007, ata o máis cego de nós puído enxergar un novo vieiro de supervivencia para o agro galego, un camiño que se dirixía a tirar partido polo dixital para, paradoxalmente, permitir que o noso rural prevalecera na medida do posible. Uns cantos anos despois, o que queda de aquilo non é só unha plataforma de distribución en liña de produtos do noso agro perfectamente viva, senón tamén unha referencia para tódolos servizos de venda que viñeron despois e que virán. Este luns, a experiencia Granxa Familiar aparece reflectida en tódolos seus detalles nunha reportaxe de El Correo Gallego, onde se nos recordan dous feitos de gran relevancia: a iniciativa recibiu este ano o Premio Alimentos de España á Distribución e Comercio Alimentario (do Ministerio de Agricultura) e, a día de hoxe, acubilla un total de 22 explotacións familiares enviando os seus produtos aos fogares urbanos grazas ás redes e sen intermediarios.
Polo que respecta ao galardón, dicir que se dirixiu a recoñecer o esforzo realizado polos responsables de Granxa Familiar na procura de novas canles de comercialización (alternativas ás tradicionais e máis xustas cos produtores e cos clientes) e de desenvolvemento do ámbito rural pola vía das novas ferramentas de colaboración, comunicación, información e distribución.
Granxa Familiar, como lembraremos, xurdiu a partir dunha investigación do Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio da Universidade de Santiago levada a cabo entre 2003 e 2006 en Galicia e Irlanda e financiada pola Fundación Feiraco. Como dixemos, trátase dun sistema de xestión de información dixital para a comercialización de produtos agrarios de orixe familiar que evita a intermediación e facilita o contacto directo entre produtores e consumidores.
Granxa Familiar pecha o ano con 22 explotacións no seu seo e un galardón do Ministerio de Agricultura
Compartir Este Artigo
