O operador público galego Retegal (dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Itelsis, Gowex, GST e Gradiant son as cinco entidades que participan nun proxecto dirixido a favorecer e impulsar o sostible no eido das TIC. Falamos da iniciativa Green, que ten como obxectivo concreto acadar que a rede dun operador de telecomunicacións sexa moito máis eficiente, “reducindo o consumo enerxético dos equipos empregados e optimizando o uso do espectro radioeléctrico, conseguindo así un importante aforro de custos na prestación de servizos do operador”, informa Retegal.
No proxecto, como dixemos, tamén participan Itelsis (líder desta liña de traballo conxunto), Gowex (coa súa ampla experiencia achegando servizos Wi-Fi para as cidades e o rural), GST, e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións Gradiant.
O proxecto, que ten unha duración de 3 anos, supón un investimento próximo aos 2 millóns de euros e foi cuberto con fondos do programa FEDER-INNTERCONECTA, iniciativa cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e apoiada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).
Como dixemos, Green encamíñase a optimizar, enerxeticamente, o despegue, mantemento, xestión e uso das redes, facendo fincapé nas comunicacións sen fíos (VoIP, videochamadas, redes sociais…), unhas infraestruturas que nos últimos temos experimentaron un importante medre, tanto en volume de datos como na lonxitude e amplitude de banda precisa. “Do mesmo modo”, informan os responsables de Green, “a tendencia actual de incremento de demanda enerxética a nivel mundial e o conseguinte incremento do prezo da factura eléctrica, contribuíu a que todos os aspectos relacionados co aforro e a eficiencia enerxética adquiran unha gran relevancia”. Neste sentido, Green xorde debido á necesidade de optimización dos recursos cos que conta un operador de telecomunicacións, que dispón de activos para o desenvolvemento da súa actividade como as infraestruturas distribuídas, o equipamento co que se transmite os sinais e o espectro radioeléctrico que se precisa para a propagación destas.
Primeiro mapa de claro espectrais
O proxecto Green enfócase á busca de solucións que permitan reducir o consumo enerxético que un operador de telecomunicacións necesita para ofrecer unha determinada capacidade de datos aos usuarios. Asemade, pretende garantir un bo uso do espectro, identificando aquelas zonas con porcións de espectro aproveitables novamente, cunha demanda de enerxía o mellor axustada ás necesidades posible. Entre as liñas de actuación de Green, engaden as empresas impulsoras, “está a obtención do primeiro mapa de claros espectrais en Galicia, co obxectivo de coñecer a ocupación efectiva do espectro na Comunidade galega”. No seu conxunto, os resultados alcanzados durante este proxecto poderán ser aplicados tanto na rede de telecomunicacións de Retegal, con máis de 200 centros de emisión, como na rede de puntos Wi-Fi despregada por Gowex en Galicia.
Retegal, Itelsis, Gowex, GST e Gradiant impulsan redes de telecomunicacións máis sostibles e eficientes
Compartir Este Artigo
