Hai financiamento europeo á vista para o sector cultural. O Programa Europa Creativa, é evidente, non vai solucionar tódolos problemas do tecido galego vinculado ao audiovisual, aos contidos ou á publicación de libros, pero pode resultar unha axuda para darlle pulo á reformulación de estratexias ou á innovación propiamente dita. De feito, o programa diríxese en boa medida á procura e novos vieiros de produción, promoción ou distribución. O seu orzamento é de 1,8 mil millóns de euros para o período 2014-2020, e foi aprobado esta semana pola comisión de Cultura do Parlamento Europeo. As potencialmente beneficiarias serán, como dixemos, as industrias culturais. As axudas, nun plano máis concreto, tamén se dirixen a facilitarlles o camiño cara a dixitalización.
Cómpre ter en conta que este proceso aféctalle, en maior ou menor medida, a tódolos integrantes do sector. Así, os cinemas poderán atopar recursos para afianzar no seu seo os formatos dixitais, o mesmo que as produtoras e novos creadores. Asemade, fomentarase a achega de obras interactivas (videoxogos e demais). Segundo informa a Comisión de Educación e Cultura e reflicten medios galegos como GC, o programa pon en xogo un novo recurso de garantía. Este, no que entran en xogo as entidades financeiras (achegando axudas ás empresas para optimizar a análise de riscos, entre outras cousas), será administrado polo Fondo Europeo de Investimentos e agárdase que xere máis de mil millóns de euros en préstamos.
Europa aproba 1,8 mil millóns de euros para contribuír á innovación no sector cultural
Compartir Este Artigo
