Temos nova integrante do tecido tecnolóxico-dixital galego. Unha empresa que, ademais, é tecnolóxica e dixital polos catro costados, mesmo no nome: Tic&Tic. Segundo nos conta a asociación EGANET, plataforma na que se insire a nova achega, estamos ante unha iniciativa que trae con ela grandes proxectos en Internet. Está formada por profesionais de ampla experiencia no sector, especializados en cuestións que non paran de desenvolverse e buscar novos vieiros (cousas como a promoción dixital, a publicidade ou comercio electrónico), proceso para o que moi probablemente teñan moito que aportar.
Teñen ademais á rede de afiliación Adjal como socia estratéxica na súa andaina con vontade internacional. A nova empresa, segundo fai saber Javier Barreira, o seu máximo responsable, centrarase sobre todo no desenvolvemento de innovadoras estratexias de promoción en liña, actuando principalmente como departamento externo para empresas que queiran adaptarse ás novas correntes 2.0. Esta nova iniciativa, engade EGANET, pretende axudar ao desenvolvemento de proxectos en liña ambiciosos na comunidade dando un servizo de socio-colaborador estratéxico adaptado ás necesidades da empresa.
Nova incorporación ao marketing dixital galego de primeira liña competitiva: Tic&Tic
Compartir Este Artigo
