
Segundo nos conta José Luis Míguez Cristóbal, director do servizo (e reloxeiro dende hai máis de dúas décadas), a súa andaina na Rede remóntase a hai máis de 10 anos, creando novas canles de venda e solucións para os seus clientes, e todo apostando pola “competitividade, a boa reputación na Internet e o aval das primeiras marcas do mercado”. De seguido, reproducimos unha entrevista mantida entre o propio José Luis e mailos nosos compañeiros da axencia e estudo de deseño DobreClic. Ao xuízo do responsable de 24Joyas, non hai razón para non estar na Rede: o servizo é o mesmo, só que se optimizan recursos e se aforran custes.
-Que é 24Joyas?
-Somos unha tenda e taller multimarca das principais firmas de xoiería e reloxería, comezamos dando soporte a xoierías de A Coruña e a través da formación continua e da competitividade e paixón polo traballo diario crecemos ata dar soporte ás principais tendas de Galicia a través da Internet con un servizo transparente e certificado nas principais marcas de reloxos do mercado. Recentemente o noso taller converteuse en Centro de Servizo Certificado Omega, Longines e Rado que en este momento son un referente de calidade e esixencia nos procesos e métodos de reparación. Dende o inicio a nosa vocación de taller multimarca permitiunos ser moi competitivos en prezos e actualmente reparamos máis de 7,000 reloxos ao ano de tódalas principais firmas.
-Por que proporciona servizos a través da Internet?
-Por que non? O servizo é o mesmo, simplemente optimízanse procesos e afórranse custes. O cliente debía acudir á súa xoiería/reloxería ou ao servizo oficial da marca para reparar o seu reloxo ou xoia, debería desprazarse 2 veces; 24Joyas.com ocúpase da recollida e entrega no seu domicilio ou oficina, ademais pode comprobar o estado da súa reparación co código de seguimento e o feito de ser un taller independente permítenos ser moi competitivos nos custos. É un servizo rápido, fiable e moi cómodo.
-Foi difícil introducir a súa empresa na Rede?
-Os inicios son complicados, requiren moitos esforzos pero realmente comezar un negocio na Internet é moi semellante a facelo offline, simplemente debes ser un bo comerciante, cometer moitos erros e reaccionar pronto. O mitificado boom das empresas na Internet é un caso excepcional, a maioría das tendas online que triunfan forxáronse a través do traballo diario e de un bo servizo aos clientes.
-Que vantaxes obtivo para a súa empresa na Rede?
-Axilizar e mellorar os procesos aforrándonos moitos crebadeiros de cabeza e mellorar ostensiblemente os nosos resultados en vendas e reparacións, en definitiva, a nosa empresa medrou e fixo para mellor. A través da tenda online conseguimos mellorar as nosas vendas e xestionar os pedidos e o stock de unha maneira integrada e moi sinxela. Co servizo de reparación en liña creamos unha nova canle de negocio e accedemos a un mercado moito máis amplo. E co traballo en formación, documentación, promoción, blog, redes sociais logramos dar prestixio e afianzar a nosa marca. Resulta difícil que un cliente che envíe un reloxo de valor se non existe una marca con boa reputación en liña, con certificados de calidade e con un gran traballo en asistencia ao cliente.
-Que investimento realizou?
-Contratamos a un programador que desenvolveu a tenda e o programa de xestión interno de pezas e a un xestor de contidos ocupado de crear artigos, documentando o noso traballo e facendo máis doado atoparnos a través de Google, de informar aos nosos clientes nas redes sociais e no blog (community manager); a xestión de pedidos e almacén asumiuna a nosa administrativa, o seu traballo medrou. Polo que o investimento foi contratar a dúas persoas e mercar o software preciso para desenvolver o proxecto, o cal comezouse a rendibilizar a partir do sexto mes.
-E cando todo o mundo se pase á Internet, vostedes que farán?
-Seguir innovando. Aproveitar a experiencia acumulada e nun contorno máis afeito ao uso das novas tecnoloxías chegaremos aínda mellor aos clientes potenciais máis receptivos.
24joyas.com fai reconto da súa experiencia como primeiro servizo en liña de reparación de reloxos
Compartir Este Artigo
