As redes sociais medran na súa influencia, cousa por outra banda natural, que por algo son redes e son sociais. Con todo, hai servizos que se che poñen coller o brazo enteiro, en troques dunha man, cóllencho sen dúbida. Se a isto engadimos que tamén hai internautas coa garda baixa, pois basicamente xa temos unha enleada. Plataformas como ASGECO (Asociación Xeral de Consumidores) e a Confederación de Consumidores e Usuarios (CECU) reciben cada vez máis reclamacións sobre malas prácticas no devandito ámbito 2.0. Con este e outros motivos, puxeron en marcha a terceira edición da campaña Non clames, reclama, destinada potenciar as reclamacións entre os consumidores e usuarios. Para o caso que nos ocupa, entre os internautas á par que usuarios 2.0.
De feito, nesta nova entrega da campaña faise fincapé en dous sectores que as asociacións cualifican de problemáticos de abondo: os seguros (que representaron máis de 75.500 reclamacións en 2012 en España) e as redes sociais (máis de 9 de cada 10 internautas españois teñen un perfil persoal nunha ou varias redes sociais). A estratexia de información inclúe dous novos anuncios informativos e máis a difusión de 20.000 guías nas redes sociais, complementándose o seu alcance cunha aplicación para smartphones, con sistema Android ou iOS, que presenta as repostas a 100 das preguntas máis comúns sobre os dereitos dos consumidores.
Dentro da promoción da campaña a través de internet, o portal www.noclamesreclama.org fornece aos usuarios de consellos en 10 sectores, ao tempo que fican activas de xeito permanente as páxinas en Facebook, Tuenti e YouTube, así como a conta en Twitter. Segundo informan as asociacións responsables destas iniciativas, a edición de 2011 tivo “un importante éxito, con máis de 62.200 visitas á web do proxecto e case 230.000 páxinas vistas, máis de 800 consultas respondidas a través de correo electrónico, acumulando máis de 1.000 seguidores fieis en Twitter, Facebook e Tuenti, e preto de 42 millóns de impactos efectivos en telespectadores para a campaña en televisión durante o mes de xullo 2011”.
As asociacións de consumidores guían aos defraudados coas redes sociais nas súas reclamacións
Compartir Este Artigo

