O portal galego Construdata21 remata o ano botando man das súas amplas bases de datos, en boa medida vinculadas ao seguimento das oportunidades de negocio estatais (e internacionais) máis salientables para o sector da construción. Segundo a información da que dispoñen os responsables do portal, a licitación de obra pública en España reduciuse un 41% no período comprendido entre 2007 (o comezo máis ou menos oficial da crise actual) e 2011. Dito doutro xeito: pasouse dos 40.000 concursos ata os 24.000. Con todo, sinálase, houbo unha suba no período 2009-2011 grazas aos efectos de plans de investimento como o Plan-E.
Estes fondos de investimento centráronse en parte no pulo ás infraestruturas da innovación e da Sociedade do Coñecemento. De feito actuaron financiando obras de execución inmediata como parques empresariais e tecnolóxicos; infraestruturas tecnolóxicas de redes sen fíos Wi-Fi; carrís e aparcadoiros para bicicletas; reformas de instalacións e iluminación exterior; obras en centros educativos, sanitarios, culturais ou deportivos; eliminación de atrancos arquitectónicos e melloras das redes viarias e o saneamento en xeral, entre outras-
Segundo se desprende dos estudos da web galega, a construción de vivenda promovida pola Administración Pública sufriu un progresivo e constante descenso desde 2007. Así, nos últimos 5 anos, incorporáronse ao portal Construdata21.com uns 6.000 concursos relacionados coa edificación residencial en España, “o que supón unha caída de máis dun 52% entre 2007 e 2011”. En canto á rehabilitación, ampliación, reforma e mellora de instalacións, a evolución á baixa non foi tan acusada, andando a rentes do 19%. A obra privada, pola súa parte, reduciuse máis dun 72% en toda España entre 2007 -publicáronse preto de 15.000 obras- e 2011 -rexistráronse apenas 4.000-.
O portal galego Construdata21 ponlle cifras á crise na obra privada e pública
Compartir Este Artigo
