O tecido CeMIT de aulas informáticas autonómico-locais espalladas pola nosa xeografía confirmouse, un ano máis, como un dos principais nexos de unión entre as vantaxes das redes e a cidadanía, entre a actividade de difusión TIC dos gobernos galego e municipais e os principais receptores desa actividade: a sociedade. Falamos da Rede CeMIT xestionada por Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que vén de elaborar un exhaustivo reconto do achegado a través das aulas integrantes da Rede, un total de 98. Segundo o devandito informe, a rede impartiu este ano máis de 38.000 horas de formación dixital gratuíta, o dobre que en 2011. Ademais, en 2012 duplicáronse os usuarios rexistrados do ano anterior superando os 21.000. Estes datos, sinala AMTEGA, sitúan a Rede CeMIT “como a iniciativa co maior número de usuarios fóra da educación regrada e cun nivel de satisfacción dun 8,75% sobre 10”.
Das máis de 38.000 horas do Plan de Formación 2012, máis do 61% corresponden aos cursos de alfabetización dixital dirixidos á cidadanía en xeral; os cursos sobre contidos multimedia e audiovisual representan o 24,39%. O resto das horas repártense entre a formación para profesionais TIC, realizada en colaboración co CNTG, e que supón preto de 3.000 horas e a destinada aos empregados públicos a través da EGAP, que suma un total de 2.00 horas.
Ademais, a Rede impartiu 700 horas de formación destinada a empresarios e emprendedores e máis de 800 a colectivos específicos como persoas en situación de desemprego.
As previsións do ano 2013
Nada indica que a actividade de difusión TIC das aulas vaia ir máis amodo ou esmorecendo. Máis ben o contrario. De feito, as previsións para 2013 son chegar aos 25.000 usuarios e acadar as 40.000 horas de formación. O Plan de Formación do vindeiro ano encamíñase ao afianzamento dos coñecementos adquiridos polos usuarios incrementando os cursos de nivel medio e avanzado. Para mellorar a aprendizaxe establécense 13 itinerarios formativos con 60 cursos para as distintas áreas en función dos colectivos e as súas necesitades. Os itinerarios formativos, informa AMTEGA, abranguen a alfabetización dixital básica, a formación destinada a empresarios e emprendedores, equipamento TIC, redes sociais, imaxe e audio, formación a desempregados, ofimática en software libre, operacións a través de Internet, creación multimedia e web 2.0, administración electrónica, capacitación especialización e software libre, lecer en Internet e multimedia e ferramentas TIC. “Cando o usuario accede á Rede realiza unha proba de nivel para que o Axente TIC lle poida recomendar a realización do itinerario máis axustado ás súas necesidades”, engade a Axencia, que fai fincapé no feito de que os cursos rematen cunha proba de aproveitamento para coñecer o nivel de aprendizaxe do usuario.

O perfil medio de usuario da Rede é unha muller con coñecementos básicos en tecnoloxía de entre 41 e 65 anos de idade. As mulleres representan o 57% dos usuarios da rede fronte ao 43% de homes. Por nivel de coñecementos, o 68% dos usuarios afirman contar cunha formación básica ou media, un 27% afirma carecer de coñecementos e un 5% sitúanse nun nivel avanzado. Por idades, o grupo maioritario ten entre 26 e 65 anos, que supoñen o 68% do usuarios, un 24% teñen menos de 15 e 25 anos e o grupo minoritario son os maiores de 65 anos que representan o 8%.
A Rede, camiño de ser o Centro Oficial de Acreditación Dixital
Ao longo de 2013, segundo informa AMTEGA, a Rede converterase no Centro Oficial para a Certificación da Competencia Dixital, é dicir, realizaranse no seu seo os exames que outorgan a Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática. Este aval ou recoñecemento posibilita á persoa titular acreditar, ante calquera instancia pública ou privada, as súas competencias en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), en materia de ofimática. Ademais, potenciarase a formación a distancia (aprendizaxe e-learning, vía as redes) a través do Espazo Multimedia de ensino que, segundo engade AMTEGA, “dende mediados de 2012 rexistrou máis de 25.000 accesos”. E conclúe a Axencia, sobre as previsións neste senso: “O obxectivo para 2013 é incrementar o número de cursos desta aula de formación virtual que permite achegar a alfabetización dixital e a formación multimedia e audiovisual a un maior número de usuarios”.
A Xunta prorroga o convenio da Rede para 2013
A presentación dos devanditos acompañouse de información relativa á Rede CeMIT xerada no Consello da Xunta do 27 de decembro. Así, segundo se aprobou no Consello, prorrogarase para 2013 o convenio aos concellos adheridos ao dito tecido de aulas. Este acordo subscrito en 2011 estipula as condicións que rexen a colaboración entre a Administración autonómica e os concellos que son os que deciden sumarse a Rede e a súa continuidade na mesma.
Lembrar que a Rede CeMIT está integrada por 98 aulas presentes en 92 concellos e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pequenas e medianas empresas, e ás microempresas, as vantaxes da Sociedade da Información. O contido do Plan de Formación e a carta de servizos están dispoñibles na web cemit.xunta.es, que, por certo, recibiu máis de 300.000 visitas en 2012 e desde a que os usuarios poden xestionar a súa vida académica na Rede.
A Rede CeMIT impartiu en 2012 o dobre de formación dixital gratuíta ca no ano anterior
Compartir Este Artigo
