O Concello de Teo vén de pór na súa web, a disposición da veciñanza, a información urbanística do municipio en formato dixitalizado. Isto é posible en virtude dunha nova ferramenta informática específica, presentada os días pasados polo departamento local de Urbanismo, dirixido por Rafael Sisto, que explicou que todas estas iniciativas xorden dun programa, chamado Urbamismo en Rede, que se dirixe a promover a transparencia da xestión público neste eido de traballo municipal. O programa, accesible na páxina do Concello dende un banner específico de Urbanismo en Rede, inclúe manual de usuario (descargable para facilitar a navegación) e máis a dixitalización do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Teo.
Rafael Sisto explicou que este servizo “recolle exclusivamente o planeamento urbanístico, polo que as condicións de edificabilidade pódense ver afectadas polos cambios na lexislación vixente ou pola normativa sectorial polo que se aconsella contrastar a información obtida a través do programa cos técnicos municipais”. Porén, engadiu, o programa vai facilitar o acceso á información, xa que dende o visor se vai poder obter información sobre parcelas achegando datos como clasificación, categorías de planeamento e cualificación do solo, permitindo a descarga da ficha urbanística completa. Para conseguir a información pódese clicar nun punto do plano ou introducindo os datos concretos do plano que lle interese consultar ó cidadán. Este recurso desenvolveuse dende o Concello de Teo grazas ao impulso da entidade pública estatal Red.es e dos fondos FEDER da Unión Europea.
O Concello de Teo achega unha ferramenta informática para permitir a consulta da súa información urbanística
Compartir Este Artigo
