S21sec únese á febre preditiva de comezos de ano avaliando os principais perigos TIC que axexarán este 2013. Segundo informa a empresa de protección de datos, entre as conclusións do seu estudo achégase a seguinte: o eido da seguridade seguirá unha evolución sen excesivos cambios pero medrando en número e impacto. É dicir, cómpre que esquezamos, a este respecto, os grandes titulares. Todo seguirá como estaba en relación á seguridade en redes, cunha gráfica de incidencia de ataques que segue a ascender, pero nada que non se soubera antes. Onde si que hai unha novidade é no especial impacto que este proceso vai ter no sector bancario. Se cadra ten algo que ver nisto a crise económica.
Segundo informa S21sec, os ataques ás entidades bancarias e ás transaccións monetarias seguirán acaparando a mirada dos ciberdelincuentes, probablemente con máis impacto. Citadel continuará sendo o rei indiscutible no código malicioso. Asemade, de forma secundaria observarase un uso crecente de Rammit e Carberp, “e mesmo é probable que haxa algún uso residual do defenestrado SpyEye”. Doutra banda, engádese, debido ao abundante material dispoñible, quizais durante o ano algún grupo illado retome o desenvolvemento de ZeuS e publique unha nova variante, que sen chegar a facer competencia a Citadel, logre cultivar certo éxito. Como vías de infección, subliña a empresa, manterase o uso do drive by download (infección a través de descarga) e o baratas pero efectivas campañas de correo lixo.
Polo que respecta aos fraudes nas telecomunicacións, dicir que semella que van seguir activas as dúas principais liñas de fraude amosadas durante 2012: o uso de PBX comprometidas -Bypass Fraud- e o IRSF -International Revenue Share Fraud. A isto sumarase o envío ilegal de SMS Premium e o emprego do SMShing, que é a práctica de obter diñeiro das tarxetas. Tamén subirá, sinala S21sec, a fraude en redes de distribución ou en servizos de atención telefónica usando programas maliciosos enfocados.
Prevén un incremento do risco nas transaccións bancarias en liña durante 2013
Compartir Este Artigo
