O proxecto Portico of Galician Literature está a reforzar a proxección exterior da literatura galega a través da Internet facendo uso da lingua inglesa, e vén de ampliar o seu catálogo cunha mostra de obras de referencia dos escritores Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello e Suso de Toro. Os títulos traducidos, dos que poden lerse un total de 50 páxinas en inglés son Entre fronteiras, Herba moura, As rulas de Bakunin e Polaroid, encargándose lo labor de tradución o editor Jonathan Dunne. Até o momento o único fragmento traducido dispoñible a través deste proxecto apoiado pola Secretaría Xeral de Cultura é a obra Aire negro de Agustín Fernández Paz, que serviu de estrea para este proxecto.
Ademais da información sobre os escritores, das sinopses e da tradución dalgúns fragmentos, a páxina web tamén serve de escaparate para a difusión de títulos da literatura galega publicados en inglés, entre as que se inclúen Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro; A lingua das bolboretas e O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas; Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas; ou Bestiario dos descontentos, de Miguel Anxo Murado. Ademais, o espazo en liña tamén ofrece un breve percorrido pola historia de Galicia e mais polo da literatura galega.
Portico of Galician Literature difunde en inglés a obra de 4 novos escritores
Compartir Este Artigo
