Sorprende ver como hai un par de anos comparabamos a cantidade de unidades do iPhone vendidas coa suma de todos os móbiles con Android dos distintos fabricantes a unha situación na que só Samsung coa súa familia GALAXY xa eclipsa a Apple, pero agora vemos que non só é así, senón que a sub familia GALAXY S tamén vai camiño de consolidarse en tal situación, pois a compañía surcoreana anunciou que este mes superaron os 100 millóns de Samsung GALAXY S/S II/S III vendidos, vendendo cada vez máis rápido con cada iteración de xeito que actualmente o Samsung GALAXY S III xa vendeu 40 millóns de unidades, das que 20 millóns correspondían aos seus 100 primeiros días, converténdose no smartphone de Samsung que máis rápido vendeu na historia, con esperanzas a que o Samsung GALAXY S IV que debería ver a luz en poucas semanas continúe esa carreira meteórica.
O iPhone 5 ¿en horas baixas?
Mentres Samsung está a vivir un bo momento, dende Apple parecen estar a pisar o freo, e tras informacións que apuntaban a que o iPhone 5 non estaba a vender tan ben como estimaban (incluso o iPhone 4S estaría a vender mellor) chegan rumores de que a produción do iPhone 5 está a reducirse á metade (detalle desprendido dos pedidos de compoñentes como as pantallas que emprega tal smartphone) para axustarse á demanda real do mercado, o que contrasta cos problemas de abastecemento inicial do dispositivo.
Pero a baixada na produción do iPhone 5 podería atender a outras razóns entre as que podería estar un cambio na estratexia de lanzamentos da compañía, que parece estancada na fórmula de lanzar un móbil por ano (en 3 capacidades de almacenamento e 2 cores) o que ata o momento era máis que suficiente, pero que en vista da vantaxe que están a tomar compañías como Samsung poderían forzar a Apple a diversificar os seus produtos móbiles ou a acelerar o seu ciclo.
