A nova edición (a terceira) de Compostweets, o encontro anual compostelán sobre redes e servizos 2.0, celébrase como dixemos os días pasados o vindeiro 22 de marzo, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG). A cita vén da man de Lúdica 7, empresa emprazada moi preto do CNTG, no barrio de Conxo, e especializada en accións formativas sobre servizos sociais, na achega de recursos para a publicación dixital do xeito máis cómodo e eficaz posible e, tamén, na organización das diferentes xuntanzas de Compostweets, xeiras de traballo e intercambio de información que reúnen dende a súa posta en marcha a centos de profesionais (máis de 300 na primeira cita) das redes sociais na nosa terra.
Segundo avanza Lúdica 7, os obxectivos de Compostweets pasan por crear, manter no tempo e ampliar un punto profesional de encontro arredor dun fenómeno que nos colle de cheo: o espallamento dos servizos de Internet que convidan á participación activa. Asemade, preténdese establecer ligazóns duradeiras con outras accións profesionais semellantes que se levan a cabo na xeografía estatal. “Queremos vincular a tódolos profesionais da Web 2.0, facendo, na medida do posible, networking”, comentan dende a empresa compostelá.
Lembrar que a vindeira edición de Compostweets dará comezo o día 22 a partir das 16.30 horas, cun relatorio a cargo de Rodolfo Carpintier, considerado un dos pais da Internet en España (formou parte de Servicom, o primeiro ISP que chegou aos 50.000 clientes de pagamento, pasando tamén pola vicepresidencia da incubadora de negocios Netjuice que contribuíu a proxectos como Kelkoo e Baquía) e actualmente é presidente de DAD e contribúe en proxectos como Petuky e myBet SE.
Completarán a xornada casos de éxito e un espazo chamado Business Web, no que permitirán a 3 propostas de negocio na web a participar tras inscribirse na páxina web de Compostweets a partir do martes 22.
Como en anteriores ocasións é de agardar que Compostweets poida servir como un evento formativo, que este ano será de acceso libre ata completar aforo, e como punto de encontro para profesionais e entusiastas das redes sociais en Galicia.
Lúdica 7 impulsa o desenvolvemento arredor das redes sociais na terceira edición de Compostweets
Compartir Este Artigo
