A Fundación Ecolec, dedicada á cada vez máis importante (dado o ritmo ao que se renovan móbiles e computadoras e demais, cada vez máis rápido) xestión dos residuos dos aparellos eléctricos e electrónicos (AEE), vén de facer reconto da súa actividade en terras galegas, levada a cabo durante ano que xa deixamos atrás. En total, foron 5.800 toneladas de refugallos procedentes deste tipo de materiais, o que supón, malia a caida das vendas de electrodomésticos do ano pasado, un medre do 12% e unha media superior aos dous quilos por habitante ao ano.
A Fundación Ecolec, entidade sen arela de lucro que xestiona os materiais de desbote postos no mercado polas súas empresas adheridas, desenvolve o seu labor de dous xeitos diferentes. Por unha banda, a través de entregas nos puntos limpos de case 100 concellos galegos, ao abeiro do Convenio Marco de Colaboración coa Consellería de Medio Ambiente. A segunda canle, e máis relevante en volume, son os acordos coas asociacións de distribuidores presentes en Galicia: a Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos (ADEN) e a Asociación de Comerciantes de Electrodomésticos, Mobles de Cociña e Autónomos (ACEMA).
En 2011, segundo indica a fundación nos seus informes, rexistrouse unha certa caída no volume de recollidas do 13% en comparación ao ano anterior. Isto tivo que ver con outro descenso: o das vendas de grandes electrodomésticos que se produciu nese mesmo ano (do 14%). Esta relación entre unha caída e outra ten que ver co feito de que unha boa parte dos compradores entregan ao seu distribuidor, no intre da compra dun aparello novo, o seu antigo electrodoméstico. Porén, en 2012, malia non cambiar de xeito notable o nivel de vendas (segue baixo), si que aumentou a taxa de refugallos. Este incremento na recollida, sinala a fundación é debido en boa medida á posta en marcha en 2012 dunha nova operativa con ADEN e ACEMA que facilita a xestión dos residuos e as compensacións económicas pola clasificación e posta a disposición dos refugallos por parte dos distribuidores de electrodomésticos a Ecolec.
A fundación tamén informa que desenvolverá ao longo do 2013 o Proxecto Weee-Trace para lograr unha trazabilidade integral da xestión deste material na Comunidade Autónoma galega. O proxecto ten como obxectivos seguir aumentando a recollida selectiva e reducir as emisións de CO2 grazas á mellora en loxística e reciclado; mediante o uso da tecnoloxía RFID e códigos de barras numéricos.
Ecolec xestionou o ano pasado 5.800 toneladas refugallos electrónicos e eléctricos procedentes da nosa terra
Compartir Este Artigo
