A Secretaría Xeral de Medios e a Administración Xeral do Estado deron a coñecer o orzamento que se vai dedicar, ao longo deste ano 2013, a materializar as axudas para os fogares galegos que teñen que recibir o sinal da Televisión Dixital Terrestre (TDT) por vía satélite e, polo tanto, precisan de equipamento específico. Cómpre sinalar que estamos a falar de un milleiro de familias da nosa terra emprazadas en lugares onde, segundo fai saber Medios, non era posible que chegase o sinal terrestre, o máis estendido, cuns mínimos de calidade para “a súa correcta recepción”. Polo tanto, estes fogares, pertencentes sobre todo ao interior de Lugo e Ourense (zonas de escuridade dixital), vense obrigados a adquirir aparellos con conexión satélite (tecnoloxía Sat-TDT) para poder ter acceso pleno á TDT. As devanditas axudas, convocadas para facilitar o acceso, mobilizarán este ano un total de 300.000 euros (uns 300 euros por familia). A axuda será tramitada directamente a través dos instaladores autorizados que colaboren coa Xunta.
Lembrar que o servizo de TDT por satélite (Sat-TDT) é unha tecnoloxía que posibilita o acceso de balde ás canles habituais da TDT, nas mesmas condicións, pero con diferente metodoloxía (no canto de proviren dos emisores tradicionais, terrestre, teñen procedencia satelital).
Volvendo ás axudas, dicir que se poderá solicitar un máximo de un equipamento por usuario e vivenda. A Xunta prevé prorrogar este plan ata o ano 2015, “o que suporá un investimento total de máis de 800.000 euros e beneficiará arredor de 3.000 familias de 78 concellos do interior de Lugo e de Ourense”, informa Medios. Os destinatarios das axudas serán familias, entidades locais e entidades sen ánimo de lucro con enderezo nalgún dos concellos do interior de Lugo e Ourense sinalados no mapa que incluímos nesta nova. En concreto, serán 78 os concellos do interior das provincias de Lugo e de Ourense beneficiarios:
· Lugo Central: Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Corgo (O), Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Incio (O), Láncara, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Páramo (O), Pastoriza (A) Portomarín, Rábade, Samos, Sarria, Triacastela, Vilalba e Xermade.
· Montaña Lucense: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Fonsagrada (A), Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Nogais (As), Pedrafita do Cebreiro, Pol, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Riotorto.
· Depresións Ourensás e Terras do Sil: Baltar, Bande, Blancos (Os), Calvos de Randín, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Entrimo, Gudiña (A), Laza, Lobeira, Lobios, Manzaneda, Mezquita (A), Montederramo, Monterrei, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, Pobra de Trives (A), Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Teixeira (A), Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.
Sinalar que este programa de axudas é posible grazas ao convenio asinado entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia para “a execución, seguimento e avaliación das actuacións incluídas nos Plans de Zona das súas zonas rurais que, por parte da Xunta de Galicia, coordina AGADER”, informouse.
Medios dá a coñecer as axudas deste ano para a compra de equipamentos de TDT por satélite: 300.000 euros
Compartir Este Artigo
