A empresa-servizo galego Construdata21 vén de facer un novo reconto sobre a súa actividade (achegar na Rede cumprida e exhaustiva información sobre obras estatais e internacionais), desta volta centrándose no volume de empresas que demandaron datos sobre actividade urbanística en Polonia, coincidindo coa celebración en Poznan (ata este venres) da Feira Internacional da Construción do país. En total, foron 4.000 as empresas que demandaron información sobre o devandito evento na través da web Construdata21.com.
“As empresas galegas do sector da construción”, informan os responsables do servizo galego, “buscan no país emerxente unha alternativa de mercado ante a caída do negocio en España, e polo menos 145 empresas españolas, segundo datos oficiais do ICEX, xa contan alí con delegacións ou algún tipo de representación permanente”. A web Construdata21.com ofrece arestora en Polonia preto de 200 grandes obras públicas e privadas con orzamentos que suman máis de 10.000 millóns de euros, ademais duns 350 provedores do sector, principalmente construtoras, estudos de arquitectura e promotoras.
Lembrar que o portal Construdata21.com, cuxa sede central está en Vigo, é unha plataforma multilingüe que contén información exhaustiva sobre obras de construción públicas e privadas, en todo o mundo e en calquera fase de execución. Desde 2001 publicou máis de 160.000 obras en España, máis de 12.500 en Portugal e unhas 6.500 no resto de o mundo.
Até 4.000 empresas fixeron uso do portal galego Construdata21 para informarse de obras en Polonia
Compartir Este Artigo
