Finalmente abriu as súas portas o salón estatal do Turismo, FITUR, tal e como avanzamos onte facendo referencia ao premio que se lle entrega a Santiago Compostela, dende Trivago, pola reputación en liña dos seus establecementos hostaleiros. Pois ben, a feira que se está a celebrar en Madrid semella máis TIC ca nunca, e non só pola presenza dun servizo en liña como Trivago entregando recoñecementos polo bo uso das TIC, senón tamén porque foi o escenario elixido polo Ministerio de Industria para dar detalles das súas vindeiras liñas estratéxicas en materia de turismo, unhas liñas que pasan, en maior ou menor medida, por tirar máis e mellor proveito das ferramentas, servizos e comunidades 2.0. O obxectivo: conseguir que aínda veña máis xente.
A presentación de todo isto veu da man do ministro José Manuel Soria, que presidiu a apertura da XVI Conferencia Iberoamericana de Ministros e Empresarios de Turismo CIMET 2013, que se celebra no marco da Feira Internacional de Turismo (FITUR 2013). Nela participan tamén os seus homólogos de Colombia, Costa Rica, Cuba, O Salvador, Guatemala, Honduras, Nicaragua e Portugal. Durante a súa intervención, o ministro Soria resaltou a importancia de aproveitar ao máximo o potencial das novas tecnoloxías no sector turístico, para incorporalas á oferta do sector e lograr que esta se adapte ás novas necesidades do turista actual, “un turista que viaxa conectado e comparte as súas experiencias de viaxe con outros na rede”. Asemade, salientou España é “referente como destino turístico mundial, ocupando o cuarto lugar no ranking de países máis visitados, con preto de 58 millóns de turistas en 2012”, cousa que cómpre manter e ampliar. Con este fin, lembrou, púxose en marcha o Plan Nacional e Integral de Turismo (PNIT) 2012-2015, que recolle un conxunto integrado de medidas para impulsar a mellora da competitividade das nosas empresas e destinos. Volvendo ás devanditas cifras, dicir que para Soria son “fiel reflexo dunha traxectoria de éxito, un saber facer acumulado e un continuo proceso de innovación vinculado ás tecnoloxías da información, a sustentabilidade e a formación de capital humano de primeiro nivel”.
Industria avoga por tirar máis partido das novas ferramentas tecnolóxicas para traer máis turistas
Compartir Este Artigo
