Finalmente o Consello Asesor de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (CATSI) vai dar acubillo á concorrencia directa dos Colexios de Enxeñaría Informática e de Enxeñaría Técnica en Informática, entre os que se contan as entidades galegas CPEIG e CPETIG, respectivamente. Así nolo conta o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, que fai fincapé en que arestora atópase en desenvolvemento unha nova normativa cuxa finalidade é dar conta da situación real do sector dos profesionais informáticos na configuración do CATSI, o que se viría a materializar na inclusión dos ditos Colexios no seu seo.
O Goberno central informou disto logo dunha pregunta formulada a través da deputada do BNG Rosana Pérez. A resposta resume deste xeito a devandita arela de participación: “Deberase incluír a participación dos Colexios Profesionais de Enxeñeiros en Informática e de Enxeñeiros Técnicos en Informática”, tal e como se dispuxo na Lei 20/2009, para o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Informática e na Lei 21/2009 para o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática. Deste xeito, informa o CPEIG, o Executivo central traballa na modificación do Real Decreto 1029/ 2002, de 4 de outubro, polo que se establece a composición e o réxime de funcionamento do Consello Asesor das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. “Dáse cumprimento así á normativa existente e ás reiteradas demandas do Consello de Colexios de Enxeñeiros en Informática (CCII)”, engade.
Os colexios galegos de informática participarán finalmente no funcionamento do CATSI
Compartir Este Artigo
