Telefónica Dixital vén de facerse co control de Axismed, unha das maiores compañías brasileiras do eido da saúde e, máis polo miúdo, da atención a doentes crónicos. O acordo, formalizado xa a finais do ano pasado, permitirá ao Grupo Telefónica desenvolver os seus servizos de eSaúde no mercado de Brasil, hoxe en día un dos máis importantes do mundo dende tódolos ámbitos. Dun xeito específico, a intención da operadora española é fortalecer a súa presenza perante as operadoras privadas de servizos de saúde e as grandes empresas en xeral, así como ante os 90 millóns de clientes de Vivo en Brasil.
Sinalar que Axismed ten ás súas costas dez anos de actividade no mercado, abranguendo un variado abano de profesionais (médicos, enfermeiras, farmacéuticos, asistentes sociais, psicólogos, fisioterapeutas e nutricionistas) e unha ampla experiencia no sector froito do seguimento de máis de 180.000 pacientes en todo o país, “empregando para iso un sistema propietario baseado en avanzados protocolos clínicos”, informa Telefónica. A súa carteira de clientes, engade, inclúe algunhas das principais operadoras privadas de saúde brasileiras que, grazas aos servizos de Axismed, “conseguiron reducir os custos asociados aos seus pacientes crónicos en ata un 30%”.
Para Telefónica, este achegamento entre as empresas permitirá a ampliación de oportunidades para Axismed: “A atención aos doentes poderá realizarse a través dunha plataforma multicanle que facilitará o seguimento destes a través de aplicacións móbiles, internet, SMS, portal web, videoconferencia, e outros medios; asemade, a plataforma permitirá acceder aos datos biométricos do paciente a través de dispositivos conectados no seu domicilio que medirán os seus niveis de glicosa, presión sanguínea e outros indicadores fisiolóxicos segundo as necesidades de cada caso”.
Telefónica Dixital faise co control dun xigante da eSaúde en Brasil: Axismed
Compartir Este Artigo
