Os internautas galegos que, amais de navegar pola globalidade de Internet teñen sempre presente a súa cultura e identidade (cousas que non teñen por que ser incompatibles), contan o día 24 de febreiro cunha cita que lles colle de preto. Falamos do Día de Rosalía de Castro, unha celebración que está a ser coordinada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e que, tal e como sinalamos hai uns días dende Código Cero, vai ter especial pegada na Rede. En boa medida, porque a asociación quere festexar o Día de Rosalía coa suba á Internet dunha gravación colectiva do libro Cantares Gallegos feita polos nosos estudantes dende os centros educativos. Pois ben, segundo se informa este mércores, a iniciativa xa ten apoio de CIG-Ensino e de arredor de 60 centros. E nada indica que non vaia haber máis institutos poñendo o seu gran de area.
Sobre a concorrencia de CIG-Ensino, dicir que amais de apoiar directamente o devandito festexo, o sindicato aproveita para reclamar que o 24 de febreiro, aniversario da publicación de Cantares Gallegos en 1863, figure oficialmente no calendario escolar como “unha conmemoración centrada no recoñecemento e na difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e da nosa literatura”. Por este motivo, pide á Consellería de Cultura que cambie a súa postura de non dar acubillo ao dito festexo e admita de cheo esta importante proposta.
Polo que respecta aos centros de ensino que están a achegar a súa colaboración, dicir que o apoio foi moi significativo dende o comezo, tal e como recorda a propia AELG. De feito, a lectura colectiva e o rexistro dixital da mesma (para logo subir unha escolma do resultado á Rede) completouse antes de rematar o prazo. Logo, iso si, co fin de dar acubillo ás peticións de intervención recibidas a continuación e “recoller todo o entusiasmo e dispoñibilidade da comunidade educativa”, decidiuse abrir unha segunda lectura colectiva, que xa está en marcha. Na web da asociación xa figuran, en listaxe e localizados no mapa, tódolos centros educativos adheridos á devandita homenaxe a Rosalía, máis o resto da programación de actividades que a entidade prepara celebrar a data do 24 de febreiro.
Máis apoios para os festexos dixitais do Día de Rosalía de Castro
Compartir Este Artigo
