O Cluster TIC Galicia vén de asinar un convenio de colaboración coa aceleradora de empresas Zarpamos, da que falamos hai pouco para salientar as vantaxes que van atopar os emprendedores do eido tecnolóxico-dixital que se unan a este proxecto de apoio no mercado e medidas para acadar o éxito competitivo. O acordo diríxese en boa medida a fortalecer o obxectivo fundamental de Zarpamos, botando man da colaboración. Ou sexa, encamíñase a traballar conxuntamente en iniciativas que favorezan a posta en marcha e o desenvolvemento de proxectos de novos empresarios no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).
Ao acordo súmase tamén Vindeira Capital Network (VCN), como iniciativa estratéxica do Cluster que reúne investidores, analistas e emprendedores para a posta en marcha dunha estrutura de capital risco estable para o sector na nosa terra.
O convenio prevé que Zarpamos sexa convidada a participar e a colaborar na organización dos eventos que promovan VCN e o Cluster TIC Galicia. Reciprocamente, o Cluster e VCN poderán participar e colaborar nas iniciativas de Zarpamos.
Da mesma maneira, as tres entidades organizarán de xeito conxunto conferencias, seminarios e outros programas formativos centrados no desenvolvemento de proxectos de emprendedores. Como parte do acordo, “que terá unha vixencia dun ano prorrogable”, Zarpamos poderá presentar de xeito directo un proxecto á próxima edición do Foro de Investimento Vindeira Capital Network.
Zarpamos une forzas co Cluster TIC e Vindeira para apoiar aos emprendedores galegos
Compartir Este Artigo
