O pasado 24 de xaneiro, varias multinacionais TIC de gran presenza nos mercados xuntaron forzas en Madrid para avaliar e afinar, conxuntamente, os beneficios que achega a filosofía do software libre para as institucións estatais, autonómicas e locais. Entre as compañías reunidas no evento Administración Pública Open Forum 2013 atopábanse Red Hat, HP ou Intel, ombro con ombro cuns 180 executivos procedentes dos máis dispares chanzos do sector público, aos que se lles enumeraron, un tras outro, os motivos da devandita recomendación de programación aberta sobre programación privativa. Para comezar: hoxe en día, por moito que se diga o contrario, hai unha chea de programas libres tan útiles, recomendables e competitivos coma os seus equivalentes pechados. E todo isto coa vantaxe da súa meirande accesibilidade económica (importantísimo nestes tempos), a inmunidade (xeralmente) a infeccións e a dispoñibilidade a nivel de código fonte.
Máis polo miúdo, os asistentes puideron coñecer de primeira man as características do software empresarial de Red Hat, aberto e sen licenzas, que amosou as vantaxes de utilizalo coas plataformas HP ProLiant baseadas en procesadores Intel. As tres empresas explicaron como invisten e colaboran para ofrecer aos servizos tecnolóxico-dixitais de seu a meirande calidade posible, incrementando a produtividade e reducindo os custos. Ademais, varios organismos públicos expuxeron a súa experiencia práctica e os resultados obtidos ao empregar tecnoloxía open source empresarial para cubrir as súas demandas con exemplos concretos en áreas como a virtualización, as ferramentas de xestión e automatización, ou o servidor de aplicacións, entre outros.
Entre os presentes atopábase Rafael Achaerandio, director de Investigación de IDC España, quen sinalou que a axenda política afronta hoxe en día o reto da eAdministración e de compatibilizar este proceso de dixitalización co meirande aforro de custes, buscando a maior eficiencia e rendibilidade posible. Todo isto, dixo, é perfectamente viable a través da programación aberta, e máis tendo en conta as demandas que existen en materia de transparencia e acceso aos datos por parte dos cidadáns, o “que obriga ás administracións a afrontar novos retos tecnolóxicos, nun momento histórico que coincide cunha importante crise económica, que recortou os recursos, humanos e materiais, dos que dispoñen”.
Entre os presentes tamén se atopaba Roberto Moreno, director xeral de Telecomunicacións e Novas Tecnoloxías do Goberno de Canarias, que expuxo o éxito da adopción de software libre empresarial na Administración autonómica, coa que se prevé aforrar en tres anos un 70% do custo total na área de virtualización de servidores, pasando dun investimento requirido dun millón de euros en software propietario de virtualización, a 300.000 euros con Red Hat Enterprise Virtualization.
Red Hat, HP e Intel coinciden: as vantaxes do software libre para as administracións son moitas e duradeiras
Compartir Este Artigo
