A web dunha das grandes iniciativas do grupo GIS-T, Granxa Familiar, vista en alterbi.comA Universidade de Santiago ten entre mans, estes días, a preparación da nova entrega curso de perfeccionamento en Mercadotecnia territorial e telecomunicacións, unha actividade a impartir en liña que, como lembraremos, diríxese a amosar o poder das novas ferramentas da comunicación nun eido ben amplo que aos galegos nos colle de preto, pola disposición dispersa da nosa poboación e polas estreitas conexións que aínda mantemos co noso rural: falamos do desenvolvemento local. Máis en detalle e segundo explican os organizadores desta actividade formativa (o grupo GIS-T Idega), a mercadotecnia territorial é unha ferramenta estratéxica que, a través das TIC, permite definir a imaxe de marca de lugares xeográficos en función do seu modelo de desenvolvemento e das súas necesidades vitais. O curso vai estar dirixido polo profesor da universidade compostelán Carlos Ferrás, e diríxese a alumnado de grao, especialmente das áreas de xeografía ou de ciencias sociais, económicas e humanidades. Tamén está aberto a profesionais e técnicos da administración pública, con ou sen titulación universitaria. Logo da inscrición, que remata o 1 de marzo, abrirase un novo prazo de matrícula do 2 ao 19 de marzo. As clases darán comezo o día 20 dese mes e alongaranse por catro meses. O curso conta co co apoio da Fundación Fulbraight e a Comisión de Intercambio Cultural, Educativo e Científico de España cos Estados Unidos de América.