Coincidindo co Día de San Valentín, as operadoras e as desenvolvedoras de aplicacións moven ficha para que os namorados e as namoradas con móbil estean tecnoloxicamente atendidos/as e se poidan dedicar máis a eles mesmos. Nesta liña insírense Couple (do que falamos en detalle nesta mesma web) e o servizo I Off You, unha aplicación de balde dispoñible para Android que permite agasallar tempo sen ter que botarlle unha ollada o móbil e sen interrupcións. A ferramenta, desenvolvida por Movistar en colaboración con Publicis, está dispoñible para calquera operador. O obxectivo é que as parellas, amigos e familiares poidan compartir tempo xuntos sen que ningún checkin, mensaxe, tweet ou like poida interrompelo, informa a operadora española.
A cousa funciona así: a persoa que regala tempo e a receptora do mesmo teñen que descargarse a aplicación I Off You desde Google Play (tenda de aplicacións de móbiles Android) ou tamén a través da web específica de Movistar. Logo, grazas á dita ferramenta, márcase o tempo que se quere agasallar e a outra persoa recibe unha mensaxe curta co texto: Teño o mellor agasallo para ti: tempo de min sen prestarlle atención ao móbil. Esa mensaxe almacénase no cartafol de agasallos recibidos. O día establecido para gozar o devandito galano, as dúas persoas teñen que pór en activo a aplicación e pulsar o botón de gozar. “Durante ese intre”, engade Movistar, “a persoa que regalou o tempo non debería utilizar o seu móbil (que segue funcionando normalmente) porque no caso de que o toque, unha alarma sonora e a locución déixame na mesa avisarán de que incumpriu o seu parte do trato”.
Vídeo de presentación de I Off You
Dispoñible unha aplicación para que as parellas e os amigos se agasallen tempo sen interrupcións
Compartir Este Artigo
